O Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e maila Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron este serán un encontro por videoconferencia con varios concellos galegos de cara a definir a súa participación económica no Plan de rescate da hostalaría que pechou hai uns días o período de solicitude de axudas. A idea é que os municipios se sumen á iniciativa achegando fondos que ou ben complementen as axudas que conceda a Xunta, ou ben cubran as solicitudes admitidas que queden sen subvención por esgotamento do crédito autonómico. O compromiso do Executivo galego é achegarlles aos municipios antes deste xoves a relación de peticións que houbo en cada un deles, de cara a que decidan a contía que queren dedicar e se optan por financiala con fondos propios ou detraendo a parte que lles correspondería percibir do Fondo de Cooperación Local. San Sadurniño sumarase a este modelo de cofinanciamento, que requirirá previamente a sinatura dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia.
No encontro virtual a Xunta tamén se comprometeu a enviar proximamente os modelos de acordo, coa finalidade de que os municipios que queiran adherirse os poidan aprobar e volvelos asinados ao longo do mes de abril. A Consellaría de Emprego e Igualdade é a encargada de tramitar as axudas do I Plan de rescate da Hostalaría, que prevé achegas de entre 1.900 e os 2.700 euros por establecemento que cumpra os requisitos -e 1.000 máis se teñen 10 ou máis persoas empregadas- , dependendo do tempo que tivesen que pechar ou ver reducida a súa actividade desde o mes de xaneiro. Esas axudas outorgaranse segundo a orde de rexistro na Sede Electrónica da Xunta, de maneira que se irán atendendo todas ata que se esgote a partida económica habilitada pola Xunta, que ascende a un total de 12 millóns de euros.
Tal e como se falou hoxe na reunión, os municipios poderán cofinanciar esta liña de dúas maneiras: asignando unha cantidade fixa para todas as solicitudes que resulten beneficiarias ou ben destinando fondos ás que cumprisen os requisitos pero que quedasen fóra por terse esgotado a partida da Xunta. A proposta do Goberno galego é que esas achegas municipais se fagan en tres tramos de 800, 1.000 e 1.200 euros a elección de cada Concello, aínda que na xuntanza oíronse posturas avogando porque a achega para cada solicitude sexa fixa en toda Galicia de cara a que non haxa agravios comparativos entre municipios. Todo apunta a que esta última fórmula será a que finalmente se aplique mediante unha tarifa plana de 1.000 euros por establecemento beneficiario.
Agora o que falta por saber é cantos locais hostaleiros de San Sadurniño pediron a axuda. A Xunta informou que antes dos festivos desta semana se lle enviará a cada municipio información sobre o número de solicitudes e, cara a finais da semana que vén, unha aproximación a cantos percibirían a axuda autonómica e por que importes. Estes datos son fundamentais para que o Concello -que se adherirá á proposta de cofinanciamento- saiba de que cantidade deberá dispoñer para poñer a parte que lle toca, algo que poderá facer de dúas maneiras: habilitando unha partida de fondos propios ou solicitando da Xunta que llos desconte do Fondo de Cooperación Local deste ano.
Estes aspectos quedarán recollidos nun convenio de colaboración que se suscribirá ao longo do mes de abril -ese é o prazo que marca a Xunta para non demorar a percepción das axudas-, no que o Concello tamén deberá indicar como quere distribuír os cartos que dedique ao plan autonómico: como unha contía fixa que complemente a asignación autonómica ou, por outra banda, como unha partida que se dedique ás solicitudes que, cumprindo os requisitos, quedasen sen subvención por terse esgotado o crédito autonómico.
Secundino García comentou ao remate do encontro que os establecementos que solicitasen acollerse ao I Plan Hostalaría da Xunta e que finalmente resulten beneficiarios do mesmo “non terán que facer máis trámites” e que a axuda municipal “xa lles irá incluída no importe que lles ingrese a Xunta no seu momento”.
A este respecto o alcalde engade que a participación de San Sadurniño no plan autonómico segue a liña de “apoiar no que poidamos todos aqueles programas que poñan en marcha de maneira coordinada e unificada as administracións que teñen as competencias, como é neste caso a Xunta, co obxectivo de apoiar a recuperación económica dos pequenos negocios. A unidade de fondos e de criterios é algo que se debería ter feito hai xa moito tempo para evitar que as pequenas empresas e persoas autónomas anden toleando con documentación e solicitudes a cada pouco dirixidas ao Estado, á Xunta, á Deputación ou a concellos que sacaron programas de rescate propios”.