Saturday 16 de November de 2024

A Xunta someta a información pública o Plan Reitor de Usos e Xestión do Complexo Dunar de Corrubedo


O delegado da Xunta visitou o parque para anunciar este novo paso para dotar a este espazo dunha ferramenta que regule o seu uso público
A Xunta de Galicia somete desde hoxe a información pública o Plan reitor de usos e xestión (PRUX) do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.
Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, nunha visita ao parque natural, onde lembrou que, o pasado 12 de marzo, a xunta reitora do parque natural xa fora informada do contido do decreto de modificación do Plan de ordenación de recursos naturais (PORN) e de aprobación do PRUX. Un documento que inclúe tres anexos coa proposta de zonificación, o contido do novo plan reitor e a cartografía.
Unha vez superado este trámite, o novo instrumento estará desde hoxe a disposición de someterse a consulta pública por un período de 15 días. Finalizado o devandito prazo e tras analizar as achegas recibidas e valorar posibles modificacións, o PRUX remitirase ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable (Cogamads) para sometelo ao seu informe, previsiblemente no mes de abril. Este será o último paso antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.

Trenor destacou que o PRUX é un documento requirido pola Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia para regular os usos públicos dos parques e reservas naturais da Comunidade, así como as medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación destes espazos.

O novo Plan reitor de usos e xestión do parque natural de Corrubedo desenvolve as directrices emanadas do PORN aprobado en 1992 a través do establecemento de medidas de regulación específicas das diferentes actividades e de conservación da compoñentes clave da biodiversidade, á vez que precisa os criterios de zonificación así como a propia xestión do territorio, tendo un compromiso claro coa súa conservación e o seu uso racional a través de accións locais, rexionais e nacionais.

Principais obxectivos
Os principais obxectivos que fixa o PRUX para o complexo dunar son xerar e reforzar canles para o fomento do coñecemento científico e a divulgación, regular as actividades de uso público, os aproveitamentos e calquera outro uso, establecer un marco normativo para o desenvolvemento sustentable da poboación local, realizar unha proposta orzada de accións a desenvolver e establecer as bases para seguimento e avaliación. Así mesmo, tamén establece e regula os usos dentro de cada unidade de zonificación establecida.

As case 1.000 hectáreas que abarca o parque divídense en tres: zona I ou de uso limitado (573 ha), áreas con valores naturais excepcionais que requiren dunha maior protección, diferenciando entre zona litoral e zona de lagoas e marismas; zona II ou de uso compatible (369 ha), áreas que albergan hábitats prioritarios ou de interese comunitario, ou de interese para a conservación, incluíndo espazos moi demandados polo uso público, como a praia; e zona III ou de uso xeral, que inclúe os terreos desnaturalizados pola actividade humana ou nos que se xera unha actividade antrópica elevada, como parcelas urbanas, equipamentos e infraestruturas de uso público.

Entre as medidas concretas fixadas no PRUX, fai falta subliñar a erradicación ou control da presenza de especies exóticas invasoras (EEI) dentro do seu ámbito, marcándose como obxectivo reducir como mínimo nun 75% a presenza de EEI na zona de uso limitado e polo menos nun 25% no conxunto do parque natural; restaurar aqueles hábitats e especies de interese afectadas pola presenza deste tipo de especies; e evitar expresamente o cultivo da acacia e a cortaderia seollana (herba da pampa).

En canto aos usos e aproveitamentos previstos, seguirase permitindo na zona libre de marisqueo da praia de Ladeira, e baixo as condicións actuais, o aproveitamento de recursos mariños, mentres que con relación aos usos agrogandeiros no parque, tamén se manterán prevéndose a curto e medio prazo que as explotacións continúen sendo pequenas, cun alto grao de parcelación e orientadas, principalmente, a autoconsumo.

De igual maneira, dentro do PRUX inclúense unha serie de directrices co obxectivo de favorecer a diversificación dos aproveitamentos das masas forestais e a progresiva substitución de masas de piñeiro insigne por masas de especies autóctonas. No relativo á praia, permitirase o acceso exclusivamente a pé e só polas vías e áreas autorizadas e prohíbese a realización de windsurf, land windsurf, kitesurf e deportes similares aínda que si se permitirá a práctica de surf e pádel surf de maneira individual.

Outra das novidades introducidas polo documento é o establecemento dun plan de emerxencias, co que se pretende optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles no parque natural, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución dunha posible situación de risco e minimizar as súas consecuencias sobre persoas, bens materiais, naturais ou culturais que poden producirse ante unha emerxencia.