A Asociación ‘Castro, luego existo’ en colaboración co Centro Veterinario de Padrón continuarán con esta labor durante a fin de semana do 2, 3 e 4 de abril
O Executivo de Padrón cofinancia unha campaña de castración intensiva de gatos e gatas da man de profesionais veterinarios no municipio co obxectivo de prever o nacemento de máis animais na rúa e evitar a reprodución descontrolada das colonias felinas. En total, na última semana esterilizáronse 80 animais, se ben non todos habitan en Padrón, senón que tamén se achegaron persoas con felinos dende outros puntos da xeografía galega. A campaña continuará a fin de semana do 2, 3 e 4 de abril.
A Asociación ‘Castro, luego existo’ é a responsable do desenvolvemento deste proxecto que ten por obxectivo a prevención do nacemento de gatos na rúa, e que se executou en colaboración co Centro Veterinario de Padrón. Trátase dun programa CER, de Captura, Esterilización e Retorno, que leva castrados a máis de 550 felinos.
O concelleiro de Benestar Animal, Ángel Rodríguez, incidiu “en que nos últimos meses o Executivo está a dar moitos pasos para protexer aos animais do noso municipio. Recentemente desenvolvemos unha campaña de sensibilización con sesións formativas nos colexios para concienciar sobre o trato ético ao animal e a responsabilidade que supón adoptar. E nos vindeiros meses tamén financiaremos unha campaña para instalar microchips”.
Pola súa banda, o Concello de Padrón ten xa varias colonias controladas. Ademais dende o mes de febreiro, o Executivo contratou un servizo de Prevención do Abandono que se encarga de realizar o desprazamento dos animais abandonados ó Refuxio de Bando, así como de facer campañas de sensibilización para concienciar á sociedade. Nos vindeiros meses, en Padrón tamén se desenvolverá unha campaña para instalar microchips aos animais domésticos que aínda non o teñan, para que en caso de perderse sexa posible localizar ao seu propietario.
Os veterinarios inciden na necesidade da esterilización para tamén prever problemas de contaxios derivados das pelexas ou outras enfermidades. Segundo a última actualización da Lei 4/2017 de Benestar Animal, os propietarios e propietarias de animais domésticos teñen a obriga de controlar a súa reprodución. Así, nestas campañas ademais de actuar cos gatos e gatas que viven na rúa, tamén se esterilizan felinos cuxos propietarios viven en zonas rurais en semiliberdade ou de persoas con escasos recursos económicos, que non poden afrontar o custo desta intervención.
A esterilización dos gatos e gatas consiste nunha operación, con anestesia xeral, realizada por veterinarios. Asemade, no mesmo contexto os especialistas realizan unha avaliación completa do estado do animal para darlle unha solución a calquera problema de saúde que poida presentar. Co obxectivo de identificar aos felinos que xa están esterilizados, tamén se procede a realizar unha marca triangular nunha orella.
Todas as persoas interesadas en contactar coa persoa responsable en Padrón deste programa poden poñerse en contacto a través do número de teléfono 676 509 731.