O municipio pobrense retoma neste 3 de abril a II Bandeira de Bateis Concello da Pobra do Caramiñal, tanto feminina coma masculina, despois de que se tivese que cancela-la edición do pasado ano por mor da COVID-19. Este evento deportivo foi presentado neste mediodía por parte do alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); e o remeiro e directivo do Club de Remo Puebla, Adrián González.
A regata disputarase na dársena do porto comercial a partir das 16.30 horas. Unha proba na cal se citarán tódolos clubs da zona norte membros da Federación Galega de Remo, un total de 15, e que é clasificatoria para a participación no campionato territorial norte de bateis. As bandeiras recaerán no club feminino e masculino que logren o mellor resultado.
Así mesmo, ás 16.00 horas arrancará unha regata promoción de modalidades alevín e infantil, tanto feminina coma masculina, a cal non puntuará para a bandeira.
Tanto o rexedor coma a edil aproveitaron a ocasión para darlle os parabéns ao Club de Remo Puebla polo último éxito acadado: o XXIII Trofeo Cidade de Narón.
No transcurso da proba será de obrigado cumprimento en todo o momento o protocolo sanitario FISICOVID-DXTGALEGO e o público poderá desfrutar do espectáculo dende os seus vehículos.
Organiza o Club de Remo Puebla co patrocinio do Concello da Pobra do Caramiñal e a colaboración da Protección Civil e da Federación Galega de Remo.