O encontro estivo organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar e forma parte das actividades do grupo de traballo que a institución galega lidera dentro do proxecto europeo MAREFRAME, financiada polo VII Programa Marco
O enfoque de xestión de pesqueiras baseado no ecosistema dentro da Política Pesqueira Común foi o eixo central da mesa de debate que tivo lugar o pasado martes 27 en Bruxelas, coa participación de persoal da área de Socioeconomía da Pesca da Fundación CETMAR.
No encontro tamén participaron os socios do centro no proxecto MAREFRAME, Poul Degnbol, de Innovate Fisheries Management de Dinamarca, e Kare Nielsen, da universidade norueguesa de Tromso. Tamén asistiu o director de Política e Coordinación da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Ernesto Penas.
Durante a xuntanza analizáronse os retos aos que se enfronta a nova PPC e presentáronse os resultados de anteriores sesións de traballo, como a que se celebrou recentemente cos Consellos Consultivos sobre as alternativas na xestión de pesqueiras.
Xunto ao responsable da DG Mare, asistiron a esta mesa de traballo representantes do International Council for the Exploration of the Sea (ICES); do Scientific, Technical and Economic Committee for Fisheries (STEFC) e do European Fisheries and Aquaculture Research Organisation (EFARO).
O obxectivo deste proxecto europeo é desenvolver novas ferramentas de avaliación e un marco de apoio á toma de decisións para a xestión dos recursos mariños que reforce a capacidade de proporcionar unha avaliación integrada, asesoramento e a aplicación dunha perspectiva baseada no ecosistema, ao tempo que facilite a aplicación da Directiva Marco da Estratexia Mariña.