Saturday 16 de November de 2024

Gonzalo Trenor anuncia un investimento de máis de 44.000 euros na estabilización dun noiro na AC-550


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actuará nesta zona de forma urxente tras rexistrarse varios desprendementos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a zona do noiro de desmonte orixinado na estrada AC-550 no punto quilométrico 2+000.

Trenor anunciou unha actuación que supón un orzamento de máis de 44.000 euros que se executará de forma urxente tras rexistrarse varios desprendementos. O delegado da Xunta destacou que a a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actuará con axilidade para garantir a seguridade na zona.

A actuación céntrase no primeiros 60 metros do noiro desde a estrada AC-550, dado que é a zona do viario inferior con menos anchura, máis preto da estrada AC-550 e, polo tanto, onde se fai necesario actuar pola circulación que se rexistra tanto no viario inferior coma no superior. Esta obra ten unha previsión na súa execución dun mes e será necesario pechar a estrada ao tráfico entre dúas e tres semanas.

Trenor informou que a solución que se expón no proxecto ten unha dobre óptica para garantir a estabilidade da zona a longo prazo: por unha banda, solucionaranse as inestabilidades xerais e localizadas provocadas polos desprendementos de cuñas e bloques e actuarase para mellorar a degradación da superficie polos efectos meteorolóxicos e de erosión non controlada.

A actuación prevista contempla un cosido e reforzo xeral mediante bulóns que compensen o peso dos elementos con potencial de desprenderse, sendo especialmente importante empezar polo sostemento o máis baixo posible, que é a zona máis deteriorada para previr e evitar desprendementos de máis importancia.