Friday 22 de November de 2024

O Concello lanza o proxecto ‘Camariñas Explora’, con 20 rutas sinalizadas para gozar do turismo deportivo


Habilitouse un perfil na aplicación Wikiloc no que se incorporarán estas rutas, que suman ao redor de 2020 quilómetros e están dirixidas a diferentes tipos de usuarios, niveis e modalidades.

Tamén se deseñará un folleto e un adhesivo que incluirá un código QR para poder acceder á aplicación.

O Concello de Camariñas lanza o proxecto ‘Camariñas explora’, unha iniciativa de dinamización turística vinculada ao deporte a través da que se propoñen 20 rutas sinalizadas co obxectivo de dar a coñecer boa parte do territorio e situarse como destino seguro.
Os técnicos deportivos municipais deseñaron varios percorridos novos e incorporaron algúns sendeiros existentes, chegando finalmente ás 20 rutas que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo.
Todas as rutas poderán seguirse no móbil. Para iso, habilitouse un perfil na aplicación Wikiloc, que utilizan case 8 millóns de usuarios e na que comparten máis de 22,8 millóns de rutas. A través do perfil ‘Camariñas explora’, calquera usuario accederá ás rutas e poderá seguilas de xeito totalmente gratuíto. Ademais, antes de iniciar o percorrido poderá ler unha pequena descrición do recorrido así como comprobar os datos técnicos do mesmo como a lonxitude ou o perfil altimétrico. Todas as rutas incluirán unhas recomendacións para desfrutar de cada actividade. Nos próximos días, as rutas estarán dispoñibles no seguinte enlace: https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=8513794
O traballo complementarase co deseño dun folleto e dun adhesivo que se distribuirá en diferentes localizacións r que incluirá un código QR para poder acceder á aplicación. Ademais, cada ruta contará cunha ficha técnica que incluirá a información necesaria para planificar a actividade seleccionada.
O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, destaca a importancia de desenvolver iniciativas deste estilo “nun contexto como o actual, no que queremos situarnos como un destino seguro e activo e para iso as actividades ao aire libre deben ser o eixo das nosas actuacións” e lembra que “en Camariñas contamos con un patrimonio natural inmenso que debemos aproveitar ao máximo, e niso estamos”.