Saturday 16 de November de 2024

O Concello amplía ata o 30 de maio a autorización para colocar terrazas en zonas reservadas ao aparcamento


O pasado 23 de outubro o Concello autorizaba, mediante decreto do alcalde, a ocupación destas zonas de forma excepcional e, como máximo, ata o 5 de abril de 2021. Este prazo amplíase ata o 30 de maio co obxecto de axudar a paliar as consecuencias das restricións para frear a pandemia no sector da hostalería e a restauración, dado que estas seguen vixentes.

Mantéñense as mesmas condicións que as ditadas o pasado outubro, deste xeito, a ocupación segue limitada a dúas prazas de aparcamento por terraza, como máximo, que poderán ser, no seu caso, prazas de aparcamento regulado. O espazo ten que delimitarse con elementos de separación, estruturas de pechamento de carácter desmontable lixeiras e carentes de cimentación, debidamente sinalizadas, que cumpran os requisitos de accesibilidade, e as prazas de aparcamento destinadas a carga e descarga soamente poderán ser utilizadas despois do horario destinado a tal fin.

Así mesmo, non se permite a ocupación simultánea da beirarrúa e da calzada. A autorización de ocupación da calzada con terraza determinará a imposibilidade de ocupar con estas instalación a beirarrúa, que deberá quedar expedita para garantir o tránsito peonil sen atrancos, respectando as normas de distanciamento social.

No suposto de que a terraza a instalar se leve a cabo en viario incluído no ámbito da Cidade Histórica (Plan Especial-1) os elementos de separación deberán contar co ditame favorable da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

O resto das condicións e circunstancias que afecten á ocupación e instalación destas terrazas rexerase polas disposicións contidas na Ordenanza Municipal de Terrazas e Quioscos de Hostalería.

Evolución da covid
O rexedor compostelán agarda que se poida seguir mantendo este nivel de “relativa normalidade” e que se traduce en que a hostalería e o comercio poidan abrir ata as 9 e o peche perimetral se circunscriba ao ámbito autonómico e non ao municipal. Non obstante, Sánchez Bugallo fai un chamamento a seguir mantendo a prudencia e a responsabilidade para non dar pasos cara atrás.

“Agora vén a Semana e Santa”, lembrou, e “é importante que logremos manternos nestes parámetros”, que revelan 72 casos activos na cidade e unha incidencia acumulada a 14 días de 68 casos por 100.000 habitantes. A xuízo do rexedor estas cifras sitúan a cidade “nunha posición razoablemente boa” pero cun incremento sostido no tempo “que non é dramático pero si significativo”.

Unha mostra desa situación excepcional é o sector turístico, que sofre directamente as restricións actuais, especialmente o peche perimetral. “O turismo que vén a Santiago é de fóra de Galicia maioritariamente”, sinalou o alcalde, o que ten como consecuencia que para esta Semana Santa “só estean abertos na cidade o 44% dos establecementos hoteleiros”.

Tussa
A preguntas do xornalistas, Sánchez Bugallo referiuse á situación da sociedade municipal Tussa, que certificou perdas en 2020 por valor de 778.000 euros, dos cales “754.000 se deben ao servizo da grúa, o 96%”. Segundo sinalou o rexedor, á luz destas cifras “non sería unha actuación responsable que os administradores da sociedade permaneceramos alleos a esta situación”.

Na comparecencia, o alcalde tamén aproveitou para felicitar o novo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e agradeceu o labor desempeñado ata o momento por Javier Losada.