O proxecto foi seleccionado pola Rede Española de Albergues Xuvenis (REAJ) dentro da convocatoria do programa MOVIC 2015
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, desenvolverá no mes de marzo o programa ‘Visualizando’, no que se tratará de crear un espazo para a reflexión e a posta en común das experiencias levadas a cabo no ámbito do programa autonómico ‘Iniciativa Xove’, que supuxo a aposta por un novo modelo de participación xuvenil, no marco da renovación das políticas de xuventude cara programas que melloren ou faciliten a empregabilidade e o emprendemento a través da educación non formal da mocidade.
O proxecto foi seleccionado pola Rede Española de Albergues Xuvenis (REAJ) dentro da convocatoria do programa MOVIC 2015. O programa MOVIC, no que poden participar as distintas Comunidades autónomas, ten entre os seus obxectivos os de promocionar os albergues xuvenís e, á súa vez, fomentar a mobilidade xuvenil e os intercambios culturais entre os mozos e mozas a través da aprendizaxe mutua, facilitar a inserción dos mozos e mozas no mercado laboral, fomentar o espírito emprendedor da xuventude ou concienciar e formar en valores, entre outras.
A iniciativa, financiada pola REAJ, reunirá no albergue xuvenil de Gandarío a 30 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, participantes no programa e seleccionados en función da calidade dos proxectos realizados, procurando un equilibrio de temáticas, de cara á formación dos grupos de traballo e para fomentar a interactuación e a creación de sinerxias.
En paralelo ás actividades, gravarase unha reportaxe de docuficción na que se promocionarán as iniciativas dos asistentes, co dobre obxectivo de fomentar e contaxiar o espírito emprendedor nos mozos/as da sociedade e de ser un escaparate dos proxectos realizados conseguindo un efecto multiplicador. O vídeo servirá tamén de demostración das aptitudes dos mozos e mozas participantes poñéndoas en valor para facilitar a súa empregabilidade.
Ademais do proxecto de Galicia, foron seleccionados o ‘II Encontro de mozos/as creadores’ en Toledo, da Dirección General de Juventud de Castilla la Mancha; a ‘Guía de recursos medioambientais’, do albergue xuvenil Alto del León, proposto polo Instituto de la Juventud de Castilla e León; e ‘Diviértete’, promovido polo Instituto Valenciano de la Juventud.