Friday 22 de November de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña énchese de actividade en abril, con contacontos, mostras e obradoiros


No mes no que se celebran o Día do libro infantil e xuvenil e o Día do libro haberá programación especial enmarcada nesas datas

A celebración do Día Internacional do libro infantil e xuvenil, o 2 de abril, e do Día do libro, o 23, centran a actividade prevista pola Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, xestionada pola Xunta, para o vindeiro mes. Así, público de todas as idades poderá gozar de contacontos, obradoiros, mostras e encontros, entre outras posibilidades. A axenda completa pódese consultar na web da biblioteca.

Co gallo do Día Internacional do libro infantil e xuvenil haberá unha sesión extraordinaria de visita guiada para coñecer todos os recunchos da biblioteca o día 3, así como a entrega dun agasallo a toda a rapazada que nesa xornada leve libros en préstamo e unha mostra bibliográfica de autores premiados co galardón Hans Christian Andersen ao longo de todo o mes. Na mesma data, ás 12,00 h., terá lugar o contacontos Unha princesa diferente, da man de Beatriz Iglesias, para nenos e nenas a partir de 4 anos.

Tamén haberá contacontos para ese grupo de idade o día 10 ás 12,00 h., coa función Os contos de Pablísimo, un espectáculo de teatro e narración oral onde as historias se contan con palabras e os personaxes aparecen coas mans. O día 24 será a quenda de Trinke Trinke co seu contacontos teatral Os ratiños da caixa, dirixido á cativada de 3 a 8 anos. Ademais, o público infantil terá a posibilidade de participar nun obradoiro de creación de personaxes o dia 17 e de visitar a mostra Nesta primavera, un libro por ti espera, cunha selección bibliográfica e audiovisual sobre a estación primaveral.

Canto ás actividades enmarcadas no Día do libro, o 23 de abril, a Biblioteca da Xunta programa tamén para esa data unha sesión extraordinaria de visita guiada e o espectáculo familiar Os libros da titiriteira, a cargo de A Xanela do Maxín, que fomenta a lectura a través cunha mestura de contacontos e monicreques. Será ás 19,00 h no salón de actos. Así mesmo, haberá unha mostra de obras dos autores galardoados co Premio Miguel de Cervantes, que poderá visitarse a partir do 9 de abril ata que remate o mes.

Outras actividades
O público adulto poderá participar tamén no obradoiro de lectura de relatos impartido por María Jesús Molina Raspal, que terá lugar todos os venres do mes ás 11,00 h. e no programa de formación de usuarios que se desenvolve todos os mércores ás 16,00 h. para aprender a utilizar todos os recursos da biblioteca.

Cómpre sinalar ademais os clubs de lectura habituais, para adultos, de terror e misterio, en galego, de lectura fácil e de lectura feminista. Precisamente no marco do club de lectura en galego organizouse un encontro virtual co escritor Alfonso Vázquez-Monxardin Fernández para o 22 de abril ás 19,00 h.
Por outra banda, a partir do 6 de abril e ata finais de maio, a sala de exposicións da biblioteca acollerá a mostra Noroeste cuarta Oeste, enmarcada no programa Nortear a prol do reforzo dos vínculos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Tamén do día 19 ao 26 poderá visitarse Aquela nena de Sarria, unha exposición itinerante para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas. Trátase dun proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria, que conta co patrocinio da Xunta e a colaboración do Concello de Sarria e da Real Academia Galega.