Saturday 16 de November de 2024

Este mes comeza o proceso para cubrir nove prazas no Servizo de Extinción e Salvamento de Santiago


O vindeiro 19 de abril arranca o proceso para a cobertura de 9 prazas de bombeiro-condutor do Servizo de Extinción e Salvamento de Santiago. Os aspirantes, entre os que hai unha muller, deberán pasar un proceso selectivo de sete probas antes de converterse en funcionarios. A incorporación efectiva ao corpo terá lugar, previsiblemente, durante o mes de novembro.

O Servizo de Extinción e Salvamento de Santiago de Compostela chegou a ter case 75 afectivos coas prazas que se cubriron nos anos 2003 e 2006. As xubilacións e a limitación da taxa de reposición dos funcionarios reduciron o número a 38 efectivos a finais de 2019. Coas 7 prazas cubertas no 2020 e a promoción interna de 3 sarxentos acadouse a cifra de 37 bombeiros-condutores, 4 cabos, 3 sarxentos, 1 oficial e 1 auxiliar administrativa (45+1).

Neste 2021 comeza o proceso para cubrir 9 vacante de bombeiro-condutor, co que o Servizo chegará a 46 bombeiros-condutores, 4 cabos, 3 sarxentos, 1 oficial e 1 auxiliar administrativa (54+1). Nunha fase posterior, tamén durante este 2021, cubriranse 2 prazas de sarxento (por promoción interna).

O día 19 de abril de 2021, en Amio, terá lugar o primeiro dos exercicios desta nova convocatoria de 9 prazas de bomberio-condutor. Este proceso selectivo consta de dous exercicios tipo test (un de coñecementos xerais e sobre temario específico e outro sobre o rueiro da cidade); un exercicio de capacidades físicas; un exercicio de coñecementos prácticos; unha proba psicolóxica; un recoñecemento médico e un curso selectivo de formación.

O listado provisonal de admitidos publicouse no BOP do pasado 24 de marzo e nel figuran un total de 117 admitidos e 13 persoas que teñen pendente a achega dalgún tipo de documentación para poder concorrer ao proceso. Poderían ser, polo tanto, 130 aspirantes.

Entre eles figura unha muller, que podería converterse na primeira en ingresar no corpo de bombeiros do Concello de Santiago. En Galicia só hai tres mulleres bombeiras-condutoras, dúas en Ourense e unha na Coruña.

Se todo avanza segundo o previsto, os nove novos bombeiros-condutores incorporaríanse nas súas quendas durante o mes de novembro deste mesmo ano.