Friday 22 de November de 2024

Aprobados definitivamente os orzamentos do Concello de Oroso para 2015


O Concello incrementará en 32.000 euros a súa achega ao POS 2015 para completar o saneamento do lugar de O Barreiro (Sigüeiro)

Os orzamentos do Concello de Oroso para 2015, que ascenden a 5,2 millóns de euros e destinan máis de 1,2 millóns a investimentos reais, veñen de ser aprobados definitivamente, logo do rexeitamento do pleno municipal ás alegacións presentadas polo Partido Popular e polo Partido Galeguista. Unhas alegacións que foron rexeitadas cos 7 votos a favor do grupo socialista, a abstención do BNG e os 5 votos en contra de PP e PG.

O PP solicitaba un plan de desenvolvemento do comercio local que se unise ás axudas convocadas pola Xunta de Galicia e que se custeaso a cargo de minorar a partida destinada aactividades culturais e festivas, así como publicidade. Pola súa banda, o PG presentou unha alegación semellante ás rexeitadas durante estes últimos catro anos nas que alertaba sobre incumprimentos normatvos, ademais de queixarse do pouco tempo dispoñible para estudar a documentación.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asegurou que “a proposta do PP é moi respectable” pero indicou que “non estou por recortar en cultura e moito menos en eventos como a Festa da Troita, a Festa da Xuventude ou a Festa dos Maiores que traen moita xente ao noso concello e supoñen tamén unha importante fonte de ingresos para o noso sector comercial”. Así mesmo, insistiu en que os orzamentos de 2015 son “responsables, austeros e realistas”.

Modificación

O pleno tamén aprobou por unanimidade unha modificación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS 2015), de xeito que o Concello de Oroso incrementará en 32.000 euros a súa achega para así poder completar o saneamento do lugar de O Barreiro (Sigüeiro), xa que inicialmente só estaba contemplada unha primeira fase e as novas esixencias do POS apuntan a obriga de que todos os proxectos que se inclúan estean completos. Con esta nova achega municipal, o Concello de Oroso investirá os 288.000 euros deste plan en obras.

A unanimidade tamén se mantivo no resto da sesión, na que se aprobaron a Ordenanza Fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo de ensinanza da Aula Mentor e dúas bonificacións da cota do ICIO para a ampliación de actividades gandeiras no municipio. Así mesmo, tamen se aprobou, cos 12 votos a favor de PSOE, PP e BNG e a abstención do PG, a anulación do expediente de revisión de oficio do acordo adoptado polo Pleno en data 29-04-2014, de aprobación definitiva do estudo de detalle promovido pola xunta de compensación da Área de Reparto nº 1, polígono 2, Río Carboeiro. Mirás explicou que “é sorprendente esta reacción por parte da Xunta porque é unha modificación das aliñacións dun bloque de vivendas, mantendo o seu volume, desprazándoo cara o interior do rueiro debido á existencia dunha tubaxe de gas”.