Friday 22 de November de 2024

O alcalde celebra a “estabilización” de casos de covid na cidade pero segue apelando á cautela de toda a cidadanía


Na rolda posterior á Xunta de Goberno local, Xosé Sánchez Bugallo referiuse ás cifras da pandemia na cidade. Aínda que os datos permiten falar dunha certa “estabilización”, o rexedor fixo un novo chamamento á prudencia, pois aínda “non coñecemos os datos da Semana Santa”.

A día de onte rexistrábanse en Santiago 67 casos activos e unha incidencia acumulada a 14 días de 60 casos por 100.000 habitantes, “datos que indican unha certa estabilización, incluso unha baixada”, indicou o alcalde que, non obstante, lembrou a necesidade de seguir cumprindo con todas as medidas de seguridade e actuar con cautela, pois aínda non se sabe a repercusión das vacacións de Semana Santa.

Durante este período o rexedor constatou “unha certa recuperación da hostelería”, coas “rúas moi animadas”, aínda que entende que os datos sector hoteleiro “foron modestos” ao seguir vixente o peche perimetral da comunidade.

Xunta de Goberno local
Sobre os asuntos tratados na Xunta de Goberno local, Sánchez Bugallo salientou a concesión dunha licenza unifamiliar e a aprobación do proxecto modificado dun edificio de vivendas na rúa Berlín.

Así mesmo, deu conta da toma de coñecemento da resolución procesual do Xulgado de 1ª instancia número 3 relativo ao recurso contra a poxa xudicial do local sito na rúa República do Salvador, 12, 1º. O alcalde anunciou que se reunirá cos servizos xurídicos e coa Intervención municipal para determinar os pasos a seguir. “Imos defender ata o límite das nosas posibilidades a posesión dese inmoble”, recalcou.