Materiais de construción, plásticos agrícolas, voluminosos, electrodomésticos e similares, entre o que máis se depositou na planta situada no Valado
As cifras contabilizadas ao longo do pasado ano no Punto Limpo de Ordes dan unha idea da enorme actividade e do grao de importancia que este espazo ten no tratamento dos desperdicios xerados polos ordenses. En total hai que falar de 304.431 kg de lixo depositados nas instalacións situadas na zona do Valado. Concretamente foron 177.630 kg de formigón, tellas e ladrillos; 39.320 kg de residuos provenientes de construcións e obras e 31.680 kg de madeira, conglomerados e similares; 324 kg de pinturas, vernices, restos, disolventes e materiais de illamento; 17.180 kg de plásticos, plásticos agrícolas e caucho e outros 22.960 kg de voluminosos, sobre todo mobiliario doméstico e de oficina.
Outra cantidade importante é a referente aos electrodomésticos. Calculáronse 177 kg de tubos fluorescentes; 10.460 kg entre televisores, cociñas, neveiras, equipos técnicos e electrónicos, conxeladores, impresoras, material informático etc, algúns dos cales inclúen clorofluorocarbonos, o que supón un risco importante para a preservación do medio ambiente.
No caso dos pneumáticos usados foron 1400 kg; 1.080 kg de papel e cartón, 132 kg de pilas; 740 kg de outros residuos compostos por diversos materiais. Se se fala de aceites e aerosois as cifras son superiores aos 1.100 kg recollidos, ademais dos 28 kg de filtros de aceite. Por último a táboa indica 209 kg de envases de plástico e metálicos baleiros contaminados.
En termos xerais o Concello de Ordes xerou ao longo do ano 2014 un total de 4.350.000 kg de residuos sólidos procedentes tanto da área rural como do casco urbano. Así o poñen de manifesto os datos achegados pola empresa Cerceda Sol, encargada da súa recollida e transporte ás plantas de reciclaxe e ao vertedoiro.
No caso da recollida selectiva nos contedores e illas instalados na vila e nas parroquias recuperáronse preto de 183.000 kg de vidro. Veciños e veciñas depositaron 126.000 kg de plásticos e envases no contador amarelo, aos que lles hai que sumar outros 17.000 kg de plásticos agrícolas nos domicilios e explotacións agrícolas e gandeiras. No caso dos desfeitos de chatarra e materiais metálicos similares as cantidades roldan os 14.500 kg.