O delegado da Xunta na Coruña supervisou unha actuación desta orde na avenida Ponte da Pedra, que contou cunha axuda de 144.000 euros concedida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, animou esta mañá aos veciños de Bergantiños-Costa da Morte a solicitar as axudas do programa de mellora e reforma enerxética para vivendas e edificios, cuxo prazo de presentación se abriu o pasado 2 de xaneiro e se prolongará ata o 31 de xullo.
Trenor destacou que, por primeira vez, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xestionará estas axudas para as que este ano se destinan 8,5 millóns de euros, dos 17 millóns que recolle o Programa para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes e se regula a concesión directa das axudas deste programa ás comunidades autónomas ata o ano 2023.
O delegado da Xunta fixo estas declaracións tras reunirse cos propietarios da Granxa, un edificio situado na avenida de Ponte Pedra en Carballo, que contou cunha achega de 144.000 euros para a renovación da súa fachada, e subliñou que nas últimas convocatorias desta orde, desde o ano 2018, a Xunta aprobou 12 axudas deste tipo nos concellos de A Laracha, Carballo, Cee, Corcubión, Fisterra, Malpica, Vimianzo e Zas, que supuxeron unhas achegas por parte do Goberno autonómico de máis de 283.000 euros.
Novidades
Con respecto á convocatoria deste ano, os beneficiarios, que só poderán presentar as súas solicitudes por medios telemáticos, serán as persoas propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de vivendas e locais existentes nestes últimos edificios; as comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda; así como as persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.
Establécense tres tipos de actuacións subvencionables: de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, aquelas que teñen entre os seus obxectivos reducir a demanda enerxética; de uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e das instalacións de iluminación, é dicir, as luminarias, lámpadas e equipamentos; sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de acendido e regulación do nivel de iluminación.
Para o cálculo da contía subvencionable, haberá unha axuda base e unha adicional, que se determinará con base en tres criterios, como os criterios sociais (actuacións que se realizan en edificios de vivenda de protección pública; actuacións en inmobles situados en áreas de rehabilitación), a eficiencia enerxética e que se trate dunha actuación integrada (aplicarase a porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou máis tipoloxías de actuación).
Por último, as axudas deste programa son compatibles con outras axudas concedidas para o mesmo fin, sempre que non se supere o custe da actuación e as outras axudas concedidas non conten con cofinanciamento de fondos europeos. Nese sentido, o IGVS destinará un millón de euros á liña de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e accesibilidade en vivendas, recollidas no Programa de fomento da mellora de eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas Plan 2018-2021.