Monday 25 de November de 2024

O Concello consultivo conclúe que o artigo 18.4 da Lei de Cambio Climático é inconstitucional por afectar ás prórrogas de concesións na costa xa outorgadas


O Goberno galego coñeceu hoxe o ditame do organismo, onde afirma que o artigo 18.4 ten por fin limitar a duración das concesións no litoral da Lei de costas, derrogando o prazo de ata 75 anos de prórroga extraordinaria

Os argumentos da Asesoría Xurídica da Xunta respecto á eliminación do artigo 18.4 da Lei de cambio climático acaban de ser corroborados polo Consello Consultivo de Galicia, organismo que hoxe emitiu un ditame sobre a constitucionalidade do devandito precepto e cuxo contido coñeceu esta mañá o Goberno galego.

Nas súas conclusións, o Consello Consultivo afirma que o 18.4 “introducirá unha medida relativa á duración dos títulos de ocupación do dominio público marítimo terrestre que vai afectar ao actual réxime de prórroga extraordinaria” da Lei de costas vixente, limitando o prazo de ata 75 anos desa prórroga que permite a norma actual.

Segundo o informe do organismo de consulta autonómico, o artigo tería “unha evidente eficacia retroactiva tácita”, ao desprenderse do sentido da Lei de cambio climático —di o ditame— que ese foi o propósito do lexislador estatal. Deste xeito, conclúe que afectaría tanto aos prazos de duración das concesións e das prórrogas outorgadas antes de que a norma entre en vigor como tamén á validez dos actos administrativos que se tivesen ditado ao abeiro da normativa anterior.

Polo tanto, e tal e como xa sinalara a Asesoría Xurídica da Xunta no seu propio informe, o Consello Consultivo conclúe que o 18.4 do proxecto de lei é inconstitucional por vulnerar “o principio de seguridade xurídica do artigo 9.3 da Constitución”.