O centro atópase na planta baixa da Casa Consistorial e conta con máis 7.000 publicacións que están á disposición da veciñanza
Na súa firme aposta pola cultura, o Concello de Boqueixón vén de renovar as instalacións das Biblioteca Municipal de O Forte. O centro de lectura atópase na planta baixa da Casa do Concello, ofrecendo un espazo máis amplo para as persoas e crianzas amantes dos libros, así como unha maior accesibilidade aos fondos bibliográficos. Estes distribúense nas zonas de infantil, xuvenil, novela galega, novela castelán, inglés, poesía, teatro e outras especialidades.
Ademais, e co fin de dar resposta ás persoas usuarias, a Biblioteca Municipal vén de adquirir 264 novas publicacións que se suman aos máis de 7.000 fondos bibliográficos que están á disposición da poboación. Estas incorporacións, coas novidades literarias máis actuais e solicitadas, estarán dispoñibles para a veciñanza a partires deste propio mes de xaneiro.
Por outra banda, e para mellorar o seu servizo, a Biblioteca Municipal de Boqueixón vén de integrarse na Rede Galega de Bibliotecas de Galicia. Isto permite ás persoas usuarias, entre outros servizos, un acceso inmediato ao GaliciaLe, a plataforma de préstamos de obras en formato electrónico.
O servizo de biblioteca está aberto de luns a venres pola mañá de 09.00 a 13.00 e os luns e mércores, tamén pola tarde entre as 15.30 e as 18.00 horas.
Polo de agora, dada a situación sanitaria actual, a biblioteca está dispoñible para o préstamo de libros, que unha vez devoltos se poñen en corentena. Non obstante, dende o Concello de Boqueixón agardan, en canto sexa posible, poñer á disposición da veciñanza este espazo como zona de estudo, ademais de programar diversas actividades de animación á lectura para as persoas usuarias deste centro municipal.