Na Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá déuselles luz verde a 132 expedientes resoltos entre o 11 e o 22 de decembro de 2020 e aprobáronse catro licenzas para equipamentos en edificios públicos da cidade
Esta mañá o persoal técnico do Sergas e do Concello da Coruña acordaron analizaren os documentos presentados pola consellería para axilizar a concesión da licencia para as obras de mellora do CHUAC. Con respecto ao estudo detalle, necesario para a licencia pola posible ampliación do volume do inmoble, o Concello e a Xunta estudan agora unha solución xurídica e técnica que permita outorgar a licenza nos vindeiros días. O Concello entende que é necesaria a máxima colaboración entre a administración local e autonómica para iniciar estas obras “tan necesarias para a mellora da infraestrutura sanitaria”. Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, agarda que esta xestión “permita outorgar a licenza de obra para os vindeiros días e agradécelle á Consellería de Sanidade a súa vontade de acordo
para axilizar esta obra”.
A Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá deulles luz verde a catro licenzas para equipamentos en edificios públicos. O Centro de Educación Especial María Mariño xa conta con licenza para realizar obras consistentes no cambio da carpintería exterior de todas as fachadas do edificio. O IES Salvador de Madariaga poderá realizar as obras de apertura dun novo acceso peonil pola avenida Gran Canaria. O edificio da Delegación Especial AEAT en Galicia (localizado na rúa Comandante Fontanes) ten prorrogado o prazo concedido para reformar e redistribuír o uso de varias plantas para implantar oficinas e o edificio destinado á sede do 061 na rúa Gregorio Hernández conta cunha autorización do proxecto básico e de rehabilitación integral.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “o Executivo local comprometeuse a axilizar o prazo de concesión das licenzas urbanísticas na cidade, que sufría unha parálise importante” e, asegurou, “estamos moi satisfeitos cos datos dos expedientes resoltos no exercicio de 2020, logramos desatascar estes informes que se acumulaban na Área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade”.
O Goberno local aprobou na sesión de hoxe 132 expedientes que se resolveron no período comprendido entre o 11 e o 22 de decembro de 2020: 39 licenzas urbanísticas, 53 obras en réxime de comunicado, 25 exercicios de actividades en réxime de comunicación previa, 6 exercicios de actividade en réxime de declaración responsable, 3 solicitudes de prórroga, 3 autorizacións de proxectos en execución, un recoñecemento de obriga e autorización do gasto, unha declaración de desistencia e unha licenza de primeira ocupación.
No ano 2020, O Concello outorgou 753 licenzas, 33 licenzas por cada Xunta de Goberno Local. Destas licenzas, 18 foron aprobadas por máis de 1,2 millóns de euros. Por ámbitos, 165 foron no ámbito do Plan especial de rehabilitación e reforma interior da Cidade Vella Pescaría. Todas estas licenzas supoñen un total de 428 vivendas en novas edificacións e 176 vivendas novas froito da rehabilitación.