Friday 22 de November de 2024

A Xunta licita por 234.000€ a mellora das instalacións do CEIP de Curtis


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a contratación das obras, que terán un prazo de execución de dous meses

A Xunta de Galicia vai investir preto de 234.000 euros nas obras de mellora enerxética e funcional do CEIP de Curtis, o que incidirá nunha mellor ventilación neste centro de acordo co protocolo covid.
A través do portal Contratos de Galicia , a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a licitación desta obra de forma conxunta xunto coas do CEIP Primeiro de Marzo (Baiona) e do IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra), todas elas cun prazo de execución de dous meses e un investimento que acada os preto de 800.000 euros entre as tres actuacións.
Cun orzamento de licitación de 236.379,89 euros, no CEIP de Curtis as actuacións consisten na substitución de carpinterías exteriores para mellorar as condicións e ventilación, así como instalación de radiadores en aseos e a instalación de luminarias LED.
Así mesmo tamén se procederá á renovación de pavimento nas aulas do edificio principal e a realización de reformas interiores en despachos aseos e patio interior.
Mellora de infraestruturas e equipamento
Esta obra enmárcase no obxectivo do Goberno galego de mellorar as infraestruturas e equipamentos escolares co obxectivo de acadar o máximo confort nas aulas, e para o cal o departamento educativo do Goberno autonómico ten programado obras por un importe de máis de 51 M€ en centros de toda Galicia.
Así, no marco do Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos incrementouse en 30 millóns máis dos previstos inicialmente para este ano, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.
Co novo investimento programáronse un total de 535 actuacións de obra e equipamento. As obras contemplan tanto rehabilitacións integrais e de mellora da eficiencia enerxética como ampliacións, traballos de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM) e rehabilitacións sectoriais (sobre as problemáticas máis comúns nos centros: cubertas, carpintarías exteriores, iluminación…), entre outras.