A alcaldesa inaugurou hoxe a mostra de imaxes e obxectos que se poderán ver na parte exterior dun pavillón que é historia viva desta cidade e do Estado, e que acolleu grandes xestas deportivas, citas culturais e discursos dos líderes políticos máis importantes da democracia
A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, inauguraron esta tarde a exposición fotográfica con motivo do 50 aniversario do Pazo dos Deportes en Riazor, un percorrido visual polos acontecementos máis importantes que tiveron lugar neste edificio deseñado por Rey Pedreira xunto a obxectos como a bandeirola inaugural, o primeiro pódium ou algunhas das entradas dos concertos máis emblemáticos.
Acompañada do comisario da mostra, o xornalista Rubén Ventureira, a rexedora recordou que o pazo foi pensado polo grande arquitecto coruñés como unha rede de cordas pechada para lle dar cabida ás bancadas e aos distintos espazos que alberga no interior. A alcaldesa sinalou que aínda que Rey Pedreira escolleu o gris do formigón armado que tanto lle gustaba, “todas e todos sabemos que o corazón deste pavillón é verdibranco e tamén laranxa”. Indicou que se conformou como un pazo para os deportes e que cumpriu con esa premisa “desde o momento en que o Concello decidiu darlles acubillo nel ás escolas deportivas municipais”.
Rey comentou que se estas paredes falasen, “rememorarían hoxe en alto tardes de gloria con Martinazzo e Huelves, campionatos en que Europa tivo que xirar a cara para nos aplaudir e recoñecer que neste reduto o stick era e é un elemento máis das nosas grandes conquistas”. Ademais, engadiu que no pavillón se xestaron as grandes victorias do noso Chaston de fútbol sala e do noso Basquet Coruña, pero que tamén foi escenario de concertos épicos nas décadas dos 70 e dos 80.
Grazas ás miradas de Alberto Martí e Xosé Castro e ao arquivo da Concellería de Deportes, a cidadanía poderá pasear estes días polos seus 50 anos de historia e recordar moitos dos eventos que marcaron a vida dun pavillón construído para acoller xente. Hoxe medio século máis tarde, “podemos dicir que temos aquí parte do noso imaxinario colectivo”. A alcaldesa explicou que o edificio forma parte da historia viva da Coruña e do Estado porque, sen sabelo, foi espectador vip do período democrático actual ao pasaren os que despois se erixirían como presidentes do Goberno e da Xunta para daren discursos.
Rey asegurou que como alcaldesa, pero sobre todo, como coruñesa que tamén viviu e sentiu aquí dentro, “quero agradecerlles ao comisario Rubén Ventureira e a todo o seu equipo o esforzo e o traballo de xuntaren en documentos gráficos e obxectos a personalidade dun Pazo dos Deportes que garda con cariño o primeiro e único pódium, que viu a Iugoslavia de Petrovic taponarlle balóns á mesmísima URS no 88, pero, sobre todo, que vibrou cada vez que notaba o peso da afección que nunca se rende”. Para a rexedora, as e os deportistas son os verdadeiros donos desta construción emblemática, “xunto ás e aos espectadores que lles dan corda para que se siga falando da Coruña como unha referencia deportiva e cultural do noroeste de España”.
No acto estiveron presentes deportistas que xogaron no Liceo, Deportivo, Chaston, Basquet Coruña, Medina e Tabacos xunto aos anteriores concelleiros de Deportes Emilio Quesada, Eduardo Blanco, Esteban Lareo, Xan Caxigal, Fran Mourelo, José Manuel Sande e Juan Ignacio Borrego así como representantes dos distintos grupos políticos municipais.