O Concello de Moeche decidiu non levar adiante este ano as asembleas participativas polas parroquias nas que desde hai uns anos se veñen propoñendo unha boa parte dos investimentos municipais. A razón sobra dicila: seguimos nunha situación de pandemia que non aconsella organizar as reunións para expoñer e debater distintas necesidades que ten o territorio. Porén, a pesar de que non vaia haber xuntanzas presenciais, o Concello abriu igualmente a posibilidade de achegar ideas coas que mellorar Moeche. Para iso pódese cubrir a folla normalizada publicada hai uns días e facerlla chegar ao Goberno local por tres vías: entregándolla en man á carteira, remitíndoa a alcaldia@moeche.gal ou rexistrándoa no Concello, ben presencialmente ou a través da Sede Electrónica. O último día para facelo é o 15 de xaneiro.
A razón de poñer esa data como límite de prazo non é outra que a de ter marxe suficiente para estudar todas as propostas recibidas e poder incorporar ao orzamento -que está en proceso de elaboración- todas aquelas que sexan factibles e asumibles polo consistorio, quer con recursos propios quer con fondos proporcionados por outras Administracións públicas.
Á hora de formular peticións recoméndase facer previamente un exercicio de reflexión tendo en conta iso, que se trate de actuacións dentro do termo municipal de Moeche e que sexan realizables dentro da marxe competencial que ten o municipio, aínda que iso non quite de que se poidan presentar iniciativas beneficiosas para o territorio e que dependan doutras Administracións -como a Deputación, a Xunta ou o Estado- para que sexa o Concello quen as canalice.
Con todo, a finalidade principal deste proceso participativo (un tanto virtual nesta ocasión) é propoñer, preferentemente, investimentos cuantificables: asfaltados e reparacións viarias, instalación ou redistribución de colectores do lixo, puntos de luz, melloras en servizos básicos, ampliación de servizos asistenciais… calquera cuestión que se considere necesaria e que repercuta dalgún xeito na mellora da calidade de vida da veciñanza.
Tendo claras estas recomendacións, as iniciativas deberán trasladarse á folla normalizada publicada hai varios días polo Concello, que se pode descargar desde esta ligazón para imprimila ou ben recollela no Rexistro Municipal. En calquera caso, o formulario haberá que devolvelo cuberto antes do 15 de xaneiro coa finalidade de que se poidan estudar todas as ideas, ordenar aquelas que sexan coincidentes e sistematizalas.
É moi importante que todas elas leven nome, apelidos e un teléfono de contacto por se se precisase algunha aclaración sobre o seu contido e, ademais, tamén deben incluír unha aproximación ao seu custe, posto que ese será un dos factores determinantes para poder incorporalas ao orzamento municipal de 2021, que se debaterá previsiblemente cara a finais do mes que entra.
A folla de propostas -ou follas, se son varias- pódese enviar por correo electrónico a alcaldia@moeche.gal, entregarse presencialmente no Rexistro Municipal ou adxuntarse nunha solicitude xenérica da Sede Electrónica. Outra opción máis cómoda se cadra para non ter que desprazarse é entregarlla en man á carteira cando pase pola nosa casa para que sexa ela quen a deixe no Concello, tal e como acordou o Goberno local con Correos.