Saturday 16 de November de 2024

O pleno de Ordes apoia de forma unánime aos doentes de hepatite C


O pleno insta á Xunta a que interceda para garantir o acceso a este colectivo ás novas terapias e medicamentos
Ordes 30 xaneiro 2015. De forma unánime o pleno de Ordes amosou o seu pleno apoio aos doentes de hepatite C aprobando a moción presentada polos socialistas locais. Ínstase á Xunta de Galicia a que tome as medidas necesarias ante o Goberno Central para garantir o acceso ás novas terapias a todas e todos os afectados. Tamén para que a medicación prescrita sexa dispensada de xeito inmediato nas farmacias hospitalarias. No caso das outras dúas propostas, nas que se solicitaba unha bonificación do ICIO para intervencións que supriman barreiras arquitectónicas, e o nomeamento de Isabel Zendal como filla predilecta do concello, quedaron relegadas para ser abordadas en comisión. Unha decisión que tamén se aplicou á proposta do BNG, na que se reclama unha modificación do regulamento para incrementar a participación cidadá nas sesións plenarias.
No apartado dos rogos os socialistas demandaron unha negociación coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a adhesión do concello ao sistema de xestión de residuos domésticos, á par que se anula o vixente; o arranxo e mellora de vías como a confluencia da rúa Víctor González Faya coa rúa Mediodía, na rúa O Recreo, a corredoira que vai dende o paseo fluvial ata o Alto do Casal, ou o pulido dos bordos das beirarrúas dun tramo da avenida Alfonso Senra por causar danos nas rodas dos vehículos. Tamén se reclamaron reparacións nos cruces da concentración parcelaria e a colocación de sinais verticais. Neste punto o goberno local informou que se está a proceder co arranxo dos bancos de madeira da Alameda e que en breve se fará o mesmo coas xardineiras alí instaladas.
Pola súa banda os populares demandaron a recolocación dos contedores situados na rúa Campeiras polos problemas de visibilidade que provocan; labores de mantemento na vía que vai dende a Fraga da Galiña ao Balado; a ampliación da marquesiña de Vilagudín (Lesta) ou a presenza da escritora local Eli Ríos nos actos previstos para o Día das Letras Galegas. En base ao rogo que denunciaba a situación da pista que comunica Perra co enlace que vén do Castro a Meitufe, a voceira do goberno local, Silvia Marín, aclarou que o Concello abrirá expedientes a todos aqueles que provoquen danos nas vías de titularidade municipal por mor dos traballos forestais. Tamén avanzou campañas de concienciación para evitar as dexeccións dos cans nas beirarrúas.
No caso do BNG reclamouse maior limpeza nalgunhas rúas do casco urbano. Os nacionalistas tamén recibiron explicacións sobre o arranxo dunha rozadora municipal, do arranxo dos portais do cemiterio do Balado e da normativa autonómica pola que se rexe a canceira municipal, entre outros.