Aproveitando a cita sortearanse entre a rapazada varios os vales canxeables por Maruxas de Nata e Bicos de Xeado
A notaría de San Sadurniño acolleu este mediodía o sorteo das tres cestas de Nadal coas que o comercio local e mailo Concello quixeron premiar a fidelidade da clientela durante estas datas. Na urna había depositadas case 7.000 papeletas correspondentes a máis dunha trintena de negocios que se sumaron á iniciativa de promoción do consumo impulsada polo propio tecido produtivo con apoio da área de Desenvolvemento local. No sorteo sacáronse tres boletos correspondentes a outras tantas cestas con alimentos elaborados de proximidade, valoradas en 250, 150 e 100 euros. O primeiro premio foi para María Polo, clienta da Clínica de fisioterapia A Penamoura; o segundo para Eduardo Pérez, cliente da avogada Paula Fernández Barcia; e o terceiro foi para Andrea González, quen entrou na rifa cunha compra efectuada na floraría La Feria. As cestas entregaranse este mércores ás 12.00h. na Casa do Concello, no marco dun acto en que tamén se sortearán os agasallos para a rapazada entre as cartas recollidas polo Apalpador, a Apalpadora e os Reis Magos durante a fin de semana. Ademais, aproveitando a ocasión, daranse a coñecer as decoracións gañadoras nas tres categorías do certame “Engalana o teu concello”.
O sorteo de “Neste Nadal, consumo local” efectuouse ás 12.35h. perante o novo notario de San Sadurniño, Alberto Núñez Doval, quen se encargou de extraer as papeletas gañadoras e de levantar acta do desenvolvemento da rifa. Como testemuñas participaron o concelleiro responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, a titular de Cultura, Amparo Calvo, a secretaria accidental do Concello, Mónica Cibreiro, e a propietaria da clínica Fisio-che-Ben, Mónica Muíño, quen tivo a idea de levar adiante a campaña de dinamización do comercio local coa participación do Concello.
O fedatario público foi sacando os boletos de un en un comezando polo primeiro premio -unha cesta valorada en 250€-, que foi parar a María Polo. O segundo nome extraído da urna -premiado coa cesta de 150€- foi o de Alberto Pérez. A terceira premiada resultou ser Andrea González.
Foi minutos despois, cando o departamento de Desenvolvemento local cotexou os números de cada papeleta co listado de talonarios distribuídos entre o comercio, cando se coñeceu cales foron os establecementos que entregaran as rifas agraciadas, que foron, por esta orde, os seguintes: a clínica de fisioterapia A Penamoura (Naraío), a avogada Paula Fernández Barcia -con despacho no Centro Municipal de Empresas- e a floraría La Feria, situada no Campo da Feira, en San Sadurniño.
O Concello xa contactou cos premiados para facerlles saber o resultado do sorteo e para comunicarlles que as tres cestas se lles entregarán o mércores ás 12.00h. na casa consistorial.
Ese mesmo día tamén se darán a coñecer cales son as decoracións do Nadal gañadoras do certame “Engalana o teu concello”, no que se anotaron 40 participantes distribuídos nas categorías individual, colectiva e negocios. Nese caso os premios serán 15 cestas de produtos da terra e 10 xantares/ceas -para cinco persoas cada un- nos restaurantes e casas de comidas do municipio.
Sorteo dos lotes do Apalpador
E a cousa en canto a premios aínda non parará aí, senón que o mércores tan pronto como se entreguen as cestas do comercio local e se dean a coñecer os premiados de “Engalana o teu concello” tamén está previsto efectuar o sorteo dos vales canxeables por Maruxas de Nata e Bico de Xeado entre toda a rapazada que lle deu a carta ao Apalpador o sábado e mailo domingo. O pandigueiro percorreu San Sadurniño, Ferreira e Igrexafeita, mentres que unha Apalpadora andivo por Lamas, o Camiño Arriba e Santa Mariña. Pola súa banda, a cativería de Bardaos recibiu a visita anticipada dos Reis Magos.
Nesa visita entregáronlles aos nenos e nenas galletas, libros e máscaras, ao tempo que os persoeiros máxicos lles recollían as cartas dirixidas ás SS.MM. Melchor, Gaspar e Baltasar que, se o tempo acompaña, volverán por San Sadurniño o próximo domingo.
Debido ao mal tempo, o Apalpador só puido completar onte á tarde o percorrido pola parte alta de Naraío. Porén, as familias e as crianzas non teñen de que preocuparse, xa que o pandigueiro das montañas rematará mañá o seu traballo de recibir pola parroquia as cartas dirixidas aos Reis Magos -deben depositarse nunha bolsa- e deixar nas casas as bolsas con agasallos, xusto a tempo para entrar no sorteo do mércores.