O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se publican as entidades beneficiaras das subvencións, que están incluídos no ámbito territorial dos seis espazos naturais que gozan na comunidade desta distinción
Un total de 28 concellos galegos resultaron beneficiarios da convocatoria de axudas para a realización de actuacións para a posta en valor das reservas da biosfera de Galicia. Así se recolle na Resolución que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe sobre as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro da convocatoria para o ano 2020 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Así, a Xunta distribúen entre os concellos beneficiarios nesta segunda convocatoria un importe global de 5696.105 euros, investimentos que cada municipio destina a potenciar e poñer en valor este tipo de espazos naturais.
As axudas concedidas colaboran na posta en marcha actividades de restauración de ecosistemas naturais como prados de sega, soutos de castiñeiros ou bosques de ribeira, así como a eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica; os proxectos de creación, mellora e adecuación de centros de interpretación da natureza; a sinalización, por exemplo, de zonas de caza ou pesca; a creación e mellora de sendas peonís, pasarelas, refuxios de pesca,…; os proxectos de conservación do patrimonio inmaterial (etnobotánica, folclore, música, etnoloxía, etc); a realización de inventarios/estudos sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna e os seus hábitats; campañas de concienciación ambiental; e actividades de información e/ou sensibilización para a conservación do patrimonio natural.
Conservar o patrimonio das zonas rurais
Cómpre destacar que esta orde enmárcase nas axudas recollidas no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período de programación 2014-2020 e está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e a súa finalidade é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor, como son as reservas da biosfera, unha figura de carácter internacional creada pola Unesco para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.
Os concellos beneficiarios foron aqueles que teñen superficie dentro do ámbito territorial de calquera das seis reservas da biosfera de Galicia: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (ambas na provincia de Lugo); río Eo, Oscos e Terras do Burón (tamén en Lugo pero compartindo territorio co Principado de Asturias); Área de Allariz (en Ourense); As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña); e Xurés- Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).
Cómpre lembrar que as axudas para actuacións nas reservas da biosfera de Galicia non son as únicas que habilita a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; xa que se complementan con outras liñas de incentivos, como son aqueles destinados a actuacións nos parques naturais e ámbitos de Rede Natura 2000.