Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas son as dúas especialidades nas que se formará o alumnado durante 9 meses
A Casa da Cultura de Camporrapado acolleu esta mañá o inicio do Obradoiro de Emprego Boqueixón, O Pino, Touro e Vedra 2020-2021. O alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, deu a benvida ás 20 persoas -5 por cada concello- participantes nesta iniciativa financiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e que conta cun orzamento de preto de 350.000 euros.
O rexedor animou ao alumnado a “aproveitar estes nove meses de formación que servirán para ter máis e mellores opcións para atopar emprego no futuro”.
Son dúas as especialidades nas que se traballará: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. As persoas participantes dividiranse en dous grupos de 10 alumnos e alumnas.
As sesións teóricas desenvolveranse nas instalacións da Casa da Cultura de Camporrapado. No caso das actividades prácticas, o alumnado desprazarase aos distintos municipios participantes neste Obradoiro de Emprego para acometeren as distintas actuacións previstas no proxecto.
Desbroces e acondicionamento de espazos públicos
Do total de 33 actuacións previstas a través deste proxecto, 18 delas desenvolveranse en Boqueixón. Fernández Munín explica que “a maioría son desbroces e acondicionamentos de distintos espazos e camiños municipais.
Deste xeito, traballarase na mellora das áreas e viarios públicos, reforzando as tarefas de prevención contra os incendios forestais”.
Máis concretamente, as actuacións previstas no termo municipal boqueixanés comprenderán podas e melloras na vexetación no Pico Sacro, no parque das escolas unitarias de Codeso e Sergude, no campo da festa de Loureda e na área recreativa de Orto, no aparcadoiro de Igrexa (na parroquia de Boqueixón).
Tamén se inclúe o acondicionamento na fervenza, en Codeso, ademais de desbroces nos camiños de Noente-Ledesma, Pazos-Lestedo, Castro-Oural, Santaia-Codeso e Santaia-Vigo.