Saturday 16 de November de 2024

O Concello instala un mercado provisional en Durmideiras mentres dure a reforma da praza de abastos actual


Esta construción eventual, homologada e accesible, conta cun investimento por parte da Concellería de Comercio, Mercados e Barrios de 87.500 euros

O Concello instala un mercado provisional en Durmideiras mentres dure a reforma da praza de abastos actual, que a Concellería de Comercio, Mercados e Barrios prevé rematar en cinco meses.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “o mercado provisional de Durmideiras dará un servizo de calidade durante estes meses en que se executarán as obras de rehabilitación integral do mercado municipal actual, que sen dúbida será un novo punto de encontro para a veciñanza” e, asegurou, “a reforma deste mercado, así como serán o de Monte Alto e San Agustín, é unha mostra máis do compromiso do Goberno local coa modernización destas construcións municipais para a súa rexeneración e posta en valor”. Pola súa banda, a edila de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Cabanas, apuntou que “é unha prioridade para nós apostarmos polo comercio de proximidade e pola creación de espazos urbanos de calidade en todos os barrios”.

Este mercado eventual conta cunha carpa homologada e accesible dunha superficie de 150 m2 fabricada en aluminio e lona branca, instalación eléctrica acorde ás necesidades de cada posto, iluminación xeral con luz fría, 150 m2 de tarima de madeira con rampas de acceso laterais e un peche perimetral de madeira de 2,5 metros de altura. Esta construción eventual conta cun investimento por parte do Concello de 87.500 euros.

O proxecto da reforma do mercado de San Agustín tamén se licitará no vindeiro ano e conta cun orzamento de máis e 800.000 euros, ten como obxectivo humanizar a súa contorna, que até ao de agora lles daba prioridade aos vehículos fronte ás persoas. Esa situación investirase tras a actuación do Concello, coa que se implantará a plataforma única en toda a zona, seguindo o modelo xa utilizado en rúas anexas como Marqués de Pontejos. O proxecto de reforma prevé darlle continuidade á praza do Humor e concederlles un maior protagonismo aos laterais do mercado.

Canto á reforma do mercado de Monte Alto, que suporá un investimento de 3,7 millóns de euros, o executivo local remodelará toda a praza sobre a que se levanta, así como todos os equipamentos con que conta.