Friday 22 de November de 2024

Convocado o concurso A nosa pegada no Nadal


A asociación Arrancadeira e mailo Concello da Pobra do Caramiñal -a través da Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), e do Servizo de Normalización Lingüística (SNL)- convocan o concurso de relato curto e debuxo A nosa pegada no Nadal. Para o relato curto establécense as seguintes categorías de participación: de 7 a 9 anos, de 10 a 12, de 13 a 15 e a partir de 16; mentres que para o debuxo son as que figuran a seguir: de 3 a 6 anos, de 7 a 10, de 11 a 15 e a partir de 16.
As persoas interesadas dispoñen ata o día 3 de xaneiro de 2021 para se anotaren, mediante o teléfono de contacto 636811689 ou o enderezo electrónico arrancadeirapobra@hotmail.com, indicando os seguintes datos: o nome e apelidos, a data de nacemento, o documento de identificación, a modalidade/s
na/s cal/es se concursa, o número de teléfono e o correo electrónico. Unha vez realizada a inscrición, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór no relato e/ou debuxo. A data límite de entrega será a xa referida anteriormente.
Os premios serán un conxunto de vales para gastar en diferentes establecementos da vila, cun total de oito distincións (unha por categoría). Cada persoa gañadora recibirá dous vales de 30 euros cada un para consumir nos locais.
Os galardoados e as galardoadas anunciaranse no 7 de xaneiro de 2021. O xurado estará formado por tres integrantes da asociación Arrancadeira e dous membros do Concello. A valoración dos relatos será feita integramente polo xurado, mentres que a dos debuxos contará tamén cun 50% dos ‘gústame’ que recibiren no perfil do Facebook de Arrancadeira Pobra. Se algún traballo presentado non cumprir coas condicións das bases quedará excluído.
Nas ditas bases estipúlase que os relatos deberán estar escritos en galego e ter como temática o Nadal, cunha extensión máxima de 1500 palabras, e entregaranse en formato PDF por enderezo electrónico. Canto ós debuxos, tamén terán como fío condutor estas datas e poderán estar feitos seguindo as técnicas que o autor ou autora considerar. Será preciso remitilo por correo electrónico, tras escanealo ou sacarlle unha foto na cal se aprecie a ilustración con claridade.