Hoxe tivo lugar o acto de reapertura do edificio, tras finalizar as obras executadas polo Concello cun orzamento de 20.000 euros.
Todos os membros da corporación encabezados polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, asistiron hoxe ao acto de reapertura da Biblioteca Municipal ‘Concepción Arenal’ tras finalizar os traballos de renovación do edificio para renovalo, modernizalo e adaptalo ás necesidades dos usuarios e usuarias, que reclamaban a mellora das condicións de uso e confort.
Os traballos que levaron a cabo no edificio, que foi construído en 1997, incluíron a execución da separación física mediante biombos de vidro entre a zona dedicada a adultos e a dos máis pequenos, a instalación de tomas de corrente e datos nas zonas de atención, a creación dun espazo dedicado a zona de estudo cunha separación física na zona actual de informática, a execución dun novo pavimento de tarima flotante na terceira planta para mellorar o illamento ao ruído, a creación dunha zona de recepción e atención aos usuarios na planta primeira e, por último, a revisión da instalación eléctrica do edificio.
Manuel Vázquez Faraldo destacou a importancia de “contar en Miño cun equipamento cultural destas características, moderno e adaptado aos tempos que corren” e lembrou que “ as instalacións estaban obsoletas, esta reforma era moi ncesaria”.
Novo nome
No pleno do mes de novembro o Concello de Miño aprobou bautizar á Biblioteca Municipal co nome de ‘Concepción Arenal’ unha muller sobradamente coñecida pola súa traxectoria e que residiu na localidade
(concretamente en Leiro) entre os tres e os nove anos.
Para levar a cabo o nomeamento oficial o goberno local ten previsto convocar un certame entre os usuarios e usuarias da biblioteca para que sexan eles, a través dos seus debuxos, os encargados de dar a nova imaxe deste espazo.