Mañá domingo terá lugar o IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mameda”, coas 400 prazas cubertas
Algo máis de medio cento de persoas desafiaron ao frío, con temperaturas de entre 0 e 3 grados, e tomaron parte esta mañá na cuarta edición da Andaina solidaria en favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), que o Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte convocan cada ano canda o Trail San Silvestre de Lousame.
Unha andaina que este ano estivo moi condicionada pola Covid-19. Tal é así que adiantou o seu tradicional día de celebración para non coincidir co Trail e evitar aglomeracións de xente, pois en edicións anteriores trail e andaina chegaron a xuntar a máis de oitocentas persoas en Lousame. Desta ocasión convocáronse 300 prazas, das que se cubriron 108. Así mesmo, os peches perimetrais pola Covid-19 decretados nos últimos días tamén impediron que, por exemplo, as persoas inscritas de vilas como Santiago puideran asistir á Andaina se non tiñan unha licenza federativa. Unha situación que tamén se repetirá mañá domingo no Trail, polo que a organización fixo uso das persoas que estaban na lista de agarda para cubrir esas baixas, ás que se lles enviou igualmente o kit de atleta.
Os algo máis de medio cento de persoas que participaron esta mañá na Andaina tiveron que pasar primeiro un control de seguridade, onde se lles tomou a temperatura e se desinfectaron calzado e mans, antes de recibiren unha bolsa preparada co avituallamento (froita e unha botella de auga). Así mesmo, a saída organizouse en pequenos grupos, separados por un medio minuto, e as persoas participantes tiveron que levar a máscara durante todo o tempo.
O tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez, e o concelleiro de Deportes, Jesús Martínez, foron os encargados de dar a saída, ao tempo que desexaban aos participantes que desfrutaran das paisaxes que ían atopar ao longo dos 14 km do percorrido, como poden ser a área recreativa de Brandia, os muíños e papeleiras da zona ou as paisaxes do río Vilacoba.
Un percorrido que remataba de volta no polideportivo, onde non houbo acto de entrega do cheque cos cartos recadados á ASGPOH. Así mesmo, agradeceron a colaboración do voluntariado lousamiá, que entre as probas de hoxe e mañá domingo mobilizará a setenta persoas.
Pequetrail
Esta tarde terá lugar en San Lourenzo o Pequetrail, que na súa segunda edición conta con 61 nenos e nenas inscritos: 25 da categoría benxamín, 27 da alevín-infantil e 9 da cadete- xuvenil. A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, será a encargada de dar a saída a unhas probas que terán lugar a partir das 16:15 horas de hoxe sábado no espazo natural de San Lourenzo. No Pequetrail non haberá trofeos, senón que toda a rapazada recibirá medalla e un bolsa cun agasallo que se lles entregará ao final de cada proba.
Trail
Mañá domingo 27 de decembro terá lugar o IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, que agarda contar con 400 participantes. As 200 persoas participantes no trail longo sairán ás 10:00 horas do espazo natural de San Lourenzo para cubrir 25 km cun nivel de dificultade é medio e conta cun desnivel aproximado de 1.000 metros, tanto positivo como negativo, así como 2.000 metros de desnivel acumulado. Os 200 participantes do trail curto, de 14 km, sairán ás 11:00 horas para afrontar un novo circuíto de dificultade media-baixa, cun desnivel de 500 metros, positivo e negativo, e 1.000 metros de desnivel acumulado.
Nas dúas probas, as saídas e entradas estarán moi protocolizadas e as medidas de control serán moi rigorosas. Así, haberá unha zona Covid na que se tomará a temperatura a todos os asistentes. Todos aqueles que teñan unha temperatura superior a 37º non poderán participar.
Asemade, os participantes deberán enviar unha declaración na que certifiquen non estar contaxiados por Covid-19 nin ter síntomas antes da proba.
A máscara será obrigatoria dende a saída ata un certo marxe, ao igual que a entrada. Durante o percorrido non será necesaria, pero sempre que se adiante a un corredor haberá que volver a poñela. A meta será desaloxada tras a chegada de cada corredor, que pasará a unha zona diferenciada, onde poderán recoller unha bolsa individual con bebida e froita. Non haberá desprazamentos colectivos en autobuses, nin servizo de garda roupa nin duchas.
A entrega de premios terá lugar no espazo natural de San Lourenzo ás 14:00 horas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina do trail longo e do trail curto. Así mesmo, haberá trofeos para o club con máis participantes e aos atletas máis veterano e veterana do evento. A entrega terá lugar segundo os protocolos Covid-19.
Esta cuarta edición da andaina solidaria e do trail San Silvestre de Lousame, a primeira que non ten lugar na contorna das minas de San Finx, está organizado polo Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte, que contan coa colaboración de Lurberl, Construccións Fermín Simal SL, Hoka One One e 226ers.