Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Fene instala un novo ascensor na piscina municipal de Centieiras


O novo elevador, no que se investiron preto de 23.000 euros, está adaptado á última normativa de accesibilidade e de seguridade
Este mércores entrou en funcionamento o novo ascensor instalado polo Concello na piscina municipal, co que se mellora a accesibilidade e usabilidade das instalacións, especialmente para persoas que precisen cadeira de rodas ou que teñan a mobilidade reducida. No equipamento, con capacidade para 8 persoas, investíronse 22.827,22 euros e, ademais, supón a adaptación do elevador á normativa de obrigado cumprimento sobre dimensións mínimas e seguridade.

As obras de renovación consistiron en dous traballos principais. O primeiro foi todo de albanelaría para darlle maior larganza ao oco que alberga a cabina e a maquinaria, xunto coa modificación dos tabiques de cada andar para poder darlles máis ancho ás portas.

A segunda parte da reforma centrouse no propio equipamento de levación que, de acordo coa nova normativa, aumenta a súa capacidade e tamén as dimensións dos accesos. Conta con 1,1 m de ancho, 1,4 m de profundidade e 2,2 m de altura, é dicir, case 3,4 metros cúbicos de volume, que vén sendo unha capacidade homologada para 8 persoas.

As portas corredeiras aseguran agora 900 milímetros de paso, o mínimo esixido na normativa para que poidan entrar e saír sen problemas as persoas que precisen cadeira de rodas. Ademais, os sensores de accionamento automático van colocados en todo o contorno da porta -e non nun único punto, como ocorría ata agora-, de maneira que o ascensor nin sequera fará amago de se pechar cando alguén estea entrando ou saíndo. En relación coa seguridade, a instalación tamén dispón dun sistema electrónico que monitoriza o estado dos cabos de aceiro as 24 horas do día e durante os 7 días da semana.

A Concelleira de Obras, Mar Piñeiro, explica que esta reforma se levou a cabo “co obxectivo de garantir a accesibilidade en todo o edificio, especialmente ás persoas con mobilidade reducida, e tamén incrementar o uso da totalidade das instalacións para toda a veciñanza”.

Piñeiro recorda que o cambio do ascensor lle fora solicitado sen éxito ao anterior executivo popular en varias ocasións tanto polo PSdeG-PSOE como polo BNG. “Cando estabamos na oposición reclamámoslle máis dunha vez ao goberno de Gumersindo Galego que se substituise o ascensor existente debido a que non cumpría coa normativa de seguridade nin tampouco as medidas mínimas para poder ser utilizado en cadeira de rodas. Non houbo resposta e a deixadez do anterior goberno fíxolle perder ao Concello máis dun ano en que a situación podería estar solucionada”, explica a concelleira, engadindo que agora “por fin”, o ascensor da piscina Centieiras “é accesible e máis seguro”.