Friday 22 de November de 2024

40 composicións participan no certame “Engalana o teu concello” promovido polo Concello de San Sadurniño


O Apalpador percorrerá o territorio o sábado e o domingo na compaña dunha comitiva que deixará agasallos para a rapazada de ata 11 anos, ademais de recollerlles as cartas para os Reis

 

O xurado vaino ter difícil para valorar toda a creatividade veciñal vertida na proposta municipal “Engalana o teu concello”, a través da que se premiarán as mellores decoracións de Nadal feitas pola veciñanza tanto nas súas propias casas como en espazos públicos. O domingo pasado pechou o prazo para achegar as fotografías de cada composición. No correo e no whatsapp de Cultura entraron máis de 200 imaxes -pode verse no Facebook municipal- pertencentes a 40 deseños repartidos por distintos puntos do territorio. O xurado do certame revisaraos todos para conceder os 25 premios que hai nas tres categorías convocadas -individual, colectiva e establecementos-, que se darán a coñecer o próximo 30 de decembro.

Repasando todas as decoracións presentadas atopamos que, dentro da temática xeral do Nadal, hai un pouco de todo: “papanoeles”, apalpadores, nacementos moi detallados, estrelas e motivos do inverno -acivros, pinas cunha capa de neve artificial, árbores…- e, en xeral, todas as persoas participantes respectaron a recomendación municipal de utilizar materiais de reciclaxe e de non centrar os adobíos unicamente na iluminación.

Agora toca xulgar cada apartado, algo que o xurado non terá doado en canto a valorar a creatividade, polo menos nas categorías de composicións colectivas e individuais, que foron as máis numerosas. O Concello recibiu oito propostas para a opción de decorar espazos públicos e outros recunchos das parroquias. Outorgaránselles cinco premios consistentes en ceas ou xantares na hostalaría local, cada un deles para un máximo de cinco persoas. Por outra banda, no capítulo referido ao engalanamento de vivendas particulares, recibíronse 29 inscricións para as que se reservan como premio 15 cestas con produtos da terra.

Onde non haberá problema para decidir será na sección do certame pensada para galardoar as mellores decoracións do Nadal en establecementos comerciais e outros negocios. Só hai tres participantes, de maneira que dous dos cinco premios reservados -tamén cestas de produtos- quedarán desertos.

En calquera caso, o veredicto do xurado -composto por representantes da Floristería Bambú (Ferrol) e da Floristería Luz (Valdoviño), xunto coa artista e deseñadora Paula Aneiros- darase a coñecer o día 30 e os premios, de ser posible, entregaranse na mañá do sábado 9 de xaneiro no Concello.

O consistorio tamén se sumou á iniciativa decorando con iluminación do Nadal a torre do pazo e a praza do convento do Rosario. Ademais pendurou cintas de cores en todas as árbores de Marqués de Figueroa e colocou un pequeno lar aceso ao pé da capela do Belén. Contribúen á ambientación festiva un fantástico Apalpador a tamaño natural feito en táboa por Paula Aneiros -situado ao pé da EIM A Rolada-, un boneco de neve e un reno de madeira, obra de Carlos García e Marina Goti -colocados diante da Casa do Concello- e un pequeno rabaño de renos feitos con toradas que Manolo Lema deixou pacendo na zona axardinada da Casa da Cultura.

Comitivas do Nadal o sábado e o domingo
Por outra banda, a Concellaría de Cultura tamén levará a maxia do Nadal polas casas durante esta fin de semana. Unha comitiva encabezada polo Apalpador visitará os domicilios das nenas e nenos de ata 11 anos -algo máis de 200 en todo o municipio- e, mantendo as distancias, recollerán as cartas para os Reis ao tempo que deixarán un pequeno detalle para a cativería adaptado a cada idade, como por exemplo lambetadas, libros e algún enredo.

Para poder cumprir o apretado calendario dividiuse o percorrido por zonas e días. O sábado á tarde, por un lado, visitarase Ferreira -15.30h.- e Igrexafeita -17.30h.- e, polo outro, Lamas -15.30h.-, Bardaos -16.00h.- e Santa Mariña do Monte, tamén ás 16.00h. Para o domingo quedan San Sadurniño -10.00h.- e Naraío, a partir das 16.00h. Nas expedicións colaboran, respectivamente, o club MTB Biela e Chaveta, o grupo de teatro de Santa Mariña, a confraría do San Pipote, o grupo municipal de Cantos de Taberna e as escolas de gaita e pandeireta.

Iso si, todo a expensas do tempo, xa que para o domingo se agarda temporal de auga e, por esta razón, se cadra teñen que suspenderse os dous últimos percorridos tal e como estaban pensados. Con todo, aínda sen acompañamento, o Apalpador achegaríase igualmente ás casas de San Sadurniño e Naraío para recoller as cartas dos pequenos e deixarlles o seu agasallo.