Friday 22 de November de 2024

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés presenta “A chamada do Camiño Inglés”, un video promocional protagonizado polo seu embaixador oficial o triatleta Javier Gómez Noya


O presidente da asociación asegura que “temos nas nosas mans un diamante en bruto que pode converterse nunha importante fonte de ingresos para os veciños e veciñas dos nosos concellos”

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, entidade confirmada por 16 municipios polos que discorre esta ruta xacobea, presentou hoxe en Santiago “A chamada do Camiño Inglés”, o seu primeiro vídeo promocional que busca achegar ao público en xeral os atributos desta ruta centenaria. Un vídeo protagonizado por Javier Gómez Noya, triatleta ferrolán cinco veces campión do mundo e bimedallista  olímpico, que percorre este camiño no seu tramo galego, é dicir, dende os portos de A Coruña e Ferrol, amosando as súas paisaxes máis senlleiras, patrimonio, gastronomía e outros destacados servizos para os camiñantes.
A presentación correu a cargo do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, quen estivo acompañado polo vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda, e polo presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso. Ademais, estiveron presentes alcaldes, concelleiros e responsables dos dezaseis municipios polos que pasa esta ruta.
Na súa intervención, Manuel Mirás destacou que “temos ás portas un ilusionante Ano Santo Xacobeo, o primeiro que afronta esta asociación. E estamos convencidos de que temos nas nosas mans un diamante en bruto que pode converterse nunha importante fonte de ingresos para os veciños e veciñas dos nosos concellos”. Neste sentido, Mirás salientou que “fronte á masificación doutras rutas, nós ofrecemos singularidade. Fronte a rutas unicamente por terra, dispoñemos dos encantos da costa atlántica e do interior coruñés. Fronte a camiños asfaltados, conservamos tramos e paraxes como as que descubriron os primeiros peregrinos a Compostela”.
O presidente da asociación e alcalde de Oroso agradeceu “o traballo e o esforzo realizado polos concellos que conformamos esta asociación” e destacou a colaboración tanto da Deputación da Coruña como da Xunta de Galicia, “fundamental para a constitución da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e que puideramos dar ese salto de calidade que os 16 concellos que conformamos esta entidade desexamos”.

Rueda: un diamante en bruto
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta coincidiu con Manuel Mirás en que o Camiño é “un diamante en bruto” e puxo en valor o compromiso tamén da Xunta no fomento desta ruta e dos outros 9 itinerarios do Camiño de Santiago. Alfonso Rueda incidiu no potencial desta ruta como así o acreditan os máis de 15.700 peregrinos que a escolleron o ano pasado. A Xunta levou a cabo melloras na conservación, sinalización e mantemento do Camiño Inglés en actuacións que supuxeron un investimento de máis de 2 millóns de euros. Estas accións enmárcanse dentro do Plan Director do Camiño 2015-2020, ao que o Goberno galego leva destinados 33,9 millóns de euros co obxectivo de acondicionar todos os Camiños de cara ao Xacobeo 2021.
Finalmente, Alfonso Rueda destacou a importancia de que referentes do mundo do deporte coma Gómez Noya se impliquen na promoción do Camiño de Santiago e se convertan nos mellores embaixadores da marca Galicia.
Formoso: o mellor embaixador
O presidente da Deputación agradeceu a Gómez Noya a súa colaboración e o seu compromiso con Galicia. “Grazas por levar Galicia contigo onde vaias, por invitarnos a percorrer o Camiño contigo e por ser o mellor embaixador do Camiño Inglés ante o mundo”, afirmou o presidente, que tamén destacou o importante traballo que está a levar a cabo o ente provincial para acondicionar e dar a coñecer esta ruta xacobea a nivel nacional e internacional.
O presidente da Deputación tamén destacou a importancia desta ruta para o desenvolvemento socioeconómico dos concellos polos que pasa, xa que “axuda a crear emprego e a fixar poboación no rural”, dous retos fundamentais de cara ao futuro, máis aínda pensando na recuperación dunha pandemia que está tendo un efecto demoledor sobre un sector clave como o do Turismo. A este desafío súmanse outros, como a configuración dun modelo de turismo sostible e de cercanía, seguir coa mellora de infraestruturas e reactivar o trazado como “ruta segura”.
Gómez Noya: visibilidade
Finalmente, Javier Gómez Noya destacou que “como ferrolán, para min é unha honra contribuír e dar visibilidade a esta ruta xacobea” e apuntou que a gravación do vídeo “deume a oportunidade de facer parte do Camiño Inglés, puiden gozar dalgúns dos sitios máis emblemáticos do mesmo e darme conta de que son moitos os seus atractivos. Gocei coas súas paisaxes, co seu patrimonio histórico e tamén coa súa gastronomía”.
Ademais, recoñeceu que “polos meus compromisos non puiden percorrelo enteiro pero si vos podo dicir que ao longo dos próximos meses fareino porque é unha experiencia que non se esquece”. Finalmente, anunciou que “como embaixador do Camiño Inglés, aló onde vaia exercerei como tal e neste Xacobeo 2021 animo a todo o mundo a coñecer a súa historia, a súa cultura e ás súas xentes”.

A Asociación do Camiño Inglés está constituída por dezaseis concellos polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. O Camiño Inglés conta cunha tradición de máis de oitocentos anos, xa que era a ruta utilizada polos peregrinos do norte e oeste de Europa, que preferían arriscarse a unha travesía de 3 ou 4 semanas en barco a un traxecto de 1 ou 2 anos a pe ata os portos de A Coruña ou Ferrol, dende onde camiñaban ata Santiago de Compostela. Actualmente, o Camiño Inglés é unha ruta en auxe que cada vez toman máis peregrinos e que vai aumentando os seus servizos e aloxamentos dedicados ao peregrino.