Thursday 21 de November de 2024

Os nenos e nenas de Padrón coñecerán mañá a Papa Noel na “súa casa” no municipio


A concelleira de Cultura explicou que dende o Executivo buscan dinamizar a vila e impulsar o comercio local

A Casa de Papa Noel abre as súas portas no Concello de Padrón para que o propio Santa Claus reciba aos nenos e nenas da vila a mañá do 24 de decembro. O departamento de Cultura deseñou un espazo decorado no Auditorio Municipal para manter a ilusión do Nadal entre os máis pequenos. Aínda que por motivos de seguridade sanitaria, asa crianzas non poderán sentarse con Papa Noel para revelarlle as súas peticións, si que poderán velo neste espazo e falar con el na distancia. A actividade terá lugar entre as 10:00 e as 13:00 horas, e xa hai 54 familias inscritas.

Papa Noel xa fixo previamente unha ronda de contactos virtuais cos nenos e nenas dos centros educativos de Rosalía de Castro, Flavia, Esclavitude, Carcacía, Pontecesures, Extramundi e Arretén. En total 203 nenos e nenas puideron manter unha conversa por videochamada con Papa Noel, que se interesou polo seu comportamento nestas datas e lles preguntou polos seus regalos máis desexados para estas festas. Como explicou Lorena Couso, “ante as dificultades da pandemia da Covid-19 para organizar as actividades tradicionais destas datas, dende o Executivo traballamos por ofrecer alternativas que manteñan viva a esencia destas festas”.

Tarde de Nadal nas rúas de Padrón
O sábado 26 de decembro, co obxectivo de dinamizar a vila e impulsar o comercio local, a concellaría de Cultura tamén organizou unha xornada de Nadal nas rúas de Padrón con postos de palomitas, castañas, brochetas de gominolas e mascotas xigantes de peluche polas rúas. Asemade, organizase para os máis pequenos un obradoiro de globoflexia.