O libro será entregado nas vivendas de Brión durante os próximos días
O Concello de Brión e a asociación cultural, medioambiental e deportiva O Esquío no Piñeiro veñen de editar un segundo volume do libro “Brión en fotos”, que dá continuidade ao editado hai seis anos. Un novo libro que será entregado aos veciños e veciñas de Brión nas súas vivendas durante os próximos días.
“Brión en fotos. Unha memoria visual do século XX. Volume 2” recompila máis de 150 imaxes que “son un anaco da nosa historia que nos agasallan dende O Esquío no Piñeiro”, sinala o alcalde, Pablo Lago, quen agradece tamén “a colaboración dos veciños e veciñas de Brión que tiveron a ben compartir connosco os seus máis prezados recordos”.
O novo libro, de case duascentas páxinas, recolle unha selección de máis de 150 imaxes de entre todas as recollidas, seleccionadas e tratadas pola asociación O Esquío no Piñeiro nos últimos seis anos. A publicación está deseñada e maquetada por Armando Patiño, membro da asociación, con textos de Manuel Xesús Xiráldez, profesor de Lingua e Literatura no IES de Ames, e ilustracións de Xosé Vizoso, ilustrador e deseñador da prestixiosa cerámica de Sargadelos. Unhas imaxes recompiladas pola asociación O Esquío no Piñeiro, a Casa da Cultura e a Biblioteca Municipal de Brión e, nominalmente, por Alberto Álvarez Escudero, Sandy Cebral Gómez, Julio Mallo Nieto, Armando Patiño Nimo, José Manuel Trigo Romero e Dora Vieiro.
Este segundo volume mantén a mesma estrutura co anterior e divide as imaxes en dez categorías: a escola, música e danza, festas e tradicións, acontecementos sociais, paisaxe e arquitectura, o traballo, o transporte, o retrato, o xogo e o deporte; e a vida cotiá. Un libro prologado polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín, quen agradeceu o traballo de todas as persoas que fixeron posible unha escolma de imaxes “que vos convido a descubrir e compartir en familia”.