Monday 25 de November de 2024

Protección Civil recolle 3.000 quilos de comida para o Banco de Alimentos Rías Altas


O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, visitou a sede do colectivo que se encargou de trasladar toda a solidariedade da veciñanza, empresas e asociacións ás naves da organización

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, asistiu este mediodía á sede de Protección Civil, desde a que partirán os preto de 3.000 Kg de alimentos recollidos durante este mes para o Banco de Alimentos Rías Altas. O edil sinalou que Protección Civil organizou esta campaña de forma espontánea, co fin de paliar o déficit de alimentos que ten o Banco de Alimentos, que leva alertando desde hai tempo da crecente demanda da cidadanía. O concelleiro recordou que a principios de novembro, a ONG informou de que este ano contarían con menos excedente ao non poderen realizar a “gran recollida” habitual, “polo que esta axuda suporalles un balón de osíxeno de cara ás festas do Nadal”.

Na iniciativa, participaron unha ducia de voluntarias e voluntarios que recolleron en catro vehículos, desde o 1 de decembro, todo o material cedido por locais e particulares. En total, establecéronse 50 puntos de recollida ao longo da cidade, como os fixados polas ANPA do IES de Zalaeta, a Tenda de Mariam, que xa se involucrou durante o confinamento, as farmacias ou as comunidades veciñais da rúa Fernando Macías e da avenida do Ferrocarril, así como a Asociación Mercado de Elviña. Entre o recadado, destacan os 447 quilos de legumes, 359 litros de leite, 326 quilos de pastas e 273 quilos de conservas.