A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que o aniversario virá da man da recollida de testemuñas cidadás e de artistas sobre a importancia deste edificio na cidade e mais dunha publicación de postais históricas
A alcaldesa e concelleira de Cultura, Inés Rey, asistiu esta mañá á conmemoración do 180 aniversario do Teatro Rosalía Castro, “180 anos como centro da nosa vida social e, por suposto, cultural”, nun acto en que anunciou unha programación especial e de calidade coa que se celebrará a efeméride xunto á recollida de testemuñas tanto de profesionais coma do público sobre o que significa o recinto para todas e todos eles. O mosaico de imaxes e de voces completará así a inmensidade de emocións que leva tantas décadas xerando este teatro, que “ademais leva o nome dunha desas mulleres que fixeron máis grande esta cidade”. Tamén se vén de publicar un libro de postais históricas do edificio.
A rexedora recordou a enorme relevancia política do recinto, polo que pasaron algunhas das figuras máis senlleiras dos dous séculos pasados, “cando se vivían enormes cambios e as arelas dunha vida mellor formaba actos multitudinarios, participativos e conmovedores”. Rey sinalou que dado que se trata dunha das referencias do patrimonio coruñés, “quixémolo reflectir cunha pequena publicación que se fai grande co seu contido”. O Concello regalaralles exemplares ás persoas abonadas, que poderán recollelos os días 12 e 13 de xaneiro, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas nas taquillas do Rosalía.
Rey explicou que este será só o inicio dun ano en que se documentarán os sentimentos que o Rosalía esperta no seu público ou en artistas como Manuel Lourezo, presente no acto. Rey afirmou que se hoxe existe o Teatro Galego, é sen dúbida grazas ao Rosalía. “Se A Coruña conta cun importante tecido nas artes escénicas tamén se debe en boa medida a este xa case bicentenario recinto.
Mantermos en pé eses logros supón un reto, especialmente agora, coa pandemia golpeando con dureza a actividade cultural”, apuntou.
Pola súa parte, o director do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez, lembrou que a celebración do aniversario comezou o día 15 coa posta en escena de “Madre coraje”, de Teatro Arriaga de Bilbao, dirixida pola nobel María Goiricelaya. Canto á publicación, indicou que colección de postais históricas inclúe unha separata que contén documentos que lle dan sentido ao ser do teatro, “á súa fundación e á súa capacidade de resistencia e de innovación”. Paulo explicou que o Rosalía foi pioneiro en moitos aspectos como na introducción do cinema sonoro ou da luz eléctrica e aínda que o conxunto se centra máis no momento fundacional, “tamén contén imaxes do tempo actual, en concreto, dúas imaxes realizadas polo xefe técnico Ricardo Rodríguez, que se xubilou en febreiro”.
O resultado permitirá facermos un percorrido por todos os oficios que se dan nun teatro para que nun día en presenza das e dos espectadores e mais dos e das artistas se poida levantar o pano: “Falamos da xestión, do persoal técnico e de acomodación do público, e por suposto, da cuarta parede”. Ademais, a obra relata a traxectoria do edificio a través de imaxes documentais, “nesa idea de teatro con vocación de servizo público para a cultura, un gran resiliente que pasou a peste española, a guerra civil e que agora se recupera da Covid-19”.
Neste aspecto, o responsable agradeceulles o traballo á Concellería de Cultura, en concreto, ao edil Jesús Celemín, promotor da publicación; ao equipo do IMCE e a todo o colectivo do Rosalía así como ás e aos anteriores directores “que atesouran a sabedoría da tartaruga”. Por último, o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo fixo fincapé na beleza e a historia do recinto “que máis visitei na Coruña”, acompañado do seu amigo Xan López Eirís, a quen se lle dedica unha sala no teatro, “e que me levaba ao palco desde o que se vía moi ben”. Por último, a compañía de teatro La Macana interpretou un fragmento da obra “Keep Gooing”.