O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, destaca que será o reforzo de firme máis importante que se execute na Comunidade no ano 2021, abranguendo un total de máis de 32 quilómetros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, visitou esta mañá a zona na que se van a levar a cabo as obras de mellora de firme na AC-840 ao seu paso por este concello.
O representante do Goberno autonómico aproveitou a visita para anunciar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe mesmo na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia o reforzo de firme máis importante do 2021 na Comunidade que se levará a cabo na AC-523 ao seu paso polos concellos da Laracha e de Cerceda, e na AC-840 ao seu paso polos termos municipais de Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Melide e Santiso.
En total, a Xunta investirá máis de 3,6 millóns de euros para levar a cabo a rehabilitación integral do firme en máis de 32 quilómetros destas estradas autonómicas, segundo recolle o contrato licitado hoxe. As empresas interesadas na súa execución teñen ata o vindeiro 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.
A intervención consistirá na rehabilitación do firme nos treitos da calzada que presentan maior deterioro e levaranse a cabo actuacións localizadas de reparación e rehabilitación destas dúas estrada de titularidade da Xunta. O obxectivo da actuación é conservar e mellorar as características funcionais das vías, reforzando a seguridade viaria e a comodidade na condución, e protexer o conxunto do firme aumentado a súa durabilidade, uniformidade e aspecto.
Trenor destacou que “estes traballos, que se inclúen dentro do Plan de Reforzo de Firmes que vén desenvolvendo a Xunta nos últimos anos, xunto coa conservación ordinaria, poñen de manifesto a aposta que está a facer este Goberno pola calidade e seguridade viaria das estradas autonómicas da Comunidade”.
O delegado territorial recalcou que “a conservación das vías de titularidade autonómica e a mellora da seguridade viaria son dous eixes estratéxicos da política de estradas que está a desenvolver o Goberno32 galego, xa que iso significa falar da vida e da integridade das persoas e non hai nada que estea por enriba diso”.
Hai que recordar que Galicia conta cunha das redes viarias máis extensas de toda España e tamén soporta unhas condicións meteorolóxicas que obrigan a un especial coidado das estradas para garantir a seguridade dos usuarios que transitan por elas.