Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño ultima o cambio a led de todo o centro urbano


 

Tal e como estaba previsto, a empresa TECNORED S.A. finalizará antes do Nadal a renovación da iluminación pública en todo o centro urbano de San Sadurniño. A instalación dos novos farois led comezou hai dúas semanas e nestes días a adxudicataria dos traballos está rematando a instalación dos últimos elementos na nova rúa que vai do Centro de Saúde ao CPI e nas adxacentes á Avenida Marqués de Figueroa, co obxectivo de que todo quede funcionando para a Noiteboa. De feito, a maior parte da iluminación xa hai varias noites que está prendida no Enxerto, nos Currás, no Cochón e na propia Marqués de Figueroa e neste momento só faltan por acender aqueles puntos onde foi necesario poñer postes. O investimento total aproxímase aos 57.000 euros financiados con cargo ao POS Adicional 2019. Unha contía que logo se ha recuperar gracias á redución da factura eléctrica, propiciada polo uso de lámpadas de menor consumo e pola unificación de centros de control e contratos de subministración.

A clave do aforro está no uso do led como tecnoloxía capaz de dar a mesma luz por tan só unha pequena parte do consumo dos farois tradicionais. O estudo técnico da FAEPAC sobre o que se fixo a licitación do contrato indica que se pasará de 17,7 kW de potencia activa instalada a tan só 5,45 kW, o que significa que a enerxía consumida tamén será menor, xa que se pasará de 87.839 kWh a algo menos de 21.000.

E menos consumo enerxético quere dicir tamén que os contratos de subministración de electricidade poden ser máis baratos, xa que agora non fará falla ter contratada tanta potencia. É máis, a reordenación da iluminación pública incluso permite suprimir cadros de control, de maneira que toda a rede -Marqués de Figueroa e adxacentes, Praza do Rosario, Agra de Arriba, O Enxerto, parte do Casal e Os Currás- funcionará con tres contratos en vez dos seis que había que manter ata hai tan só uns días.

Falando en termos económicos estímase que o gasto anual -cos prezos actuais da luz- descenderá desde os 18.400 ata os preto de 4.400 euros, é dicir, a factura baixará 14.000 euros, un 76%. A esta cifra aínda habería que engadirlle outros 2.200 euros de aforro anual, xa que os tres contratos que quedan poderán pasarse ás máis económicas tarifas de acceso con discriminación horaria 2.0DHA.

O caso é que, en contra do que puidera parecer falando de tanta redución, todas estas zonas van estar mellor iluminadas. O led ten unha capacidade lumínica case 12 veces maior que a dunha bombilla incandescente e ofrece unha luz branca de maior calidade desde o intre mesmo en que acende, mentres que os alumeados convencionais deben chegar antes a unha temperatura óptima de funcionamento para dar unha luz alaranxada ou verdosa moito máis pobre. Os farois de led tamén teñen unha maior vida útil -ata 50.000 horas de uso ininterrompido-, aseguran que pola noite vexamos cores máis naturais, non parpadean e tampouco emiten tanta contaminación lumínica á atmosfera.

Outra vantaxe dos ledes é que non conteñen materiais perigosos como o chumbo ou o mercurio e, ademais, neste caso estímase que as emisións equivalentes de CO² se verán reducidas nun 76,19%.