Saturday 16 de November de 2024

A Deputación da Coruña fai entrega dunha ambulancia á Cruz Vermella de Ferrol


A institución provincial investiu preto de 60.000 euros para a compra do vehículo, que será utilizado en servizos preventivos ao longo de toda a comarca

O presidente da Deputación, Diego Calvo, fixo entrega aos responsables de Cruz Vermella de Ferrol dunha ambulancia para que a asociación a utilice no seu traballo ao longo de toda a comarca. Á entrega acudiu o presidente provincial da entidade, Alfonso García López, e o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela.

Durante o acto, celebrado na sede de Cruz Vermella en Ferrol, Calvo destacou e agradeceu o labor social que desenvolve esta entidade non só na comarca de Ferrolterra senón en toda a provincia e sinalou que “non pode haber mellor destino para os fondos provinciais que estes que destinamos a colaborar cunha entidade coma esta para cubrir as necesidades da poboación”.

“Sen vós, as administracións non seríamos capaces de chegar a todos os que o precisan”, declarou o titular provincial durante a entrega da ambulancia, que se usará principalmente como apoio asistencial desta asociación nos actos aos que acode nos municipios do entorno.

A Deputación da Coruña mantén unha estreita relación coa Cruz Vermella en todas as súas delegacións. Neste caso, a Deputación investiu preto de 60.000 euros na compra deste vehículo para os voluntarios de Ferrol. “Hai pouco estábamos inaugurando a nova sede de Cambre e, no seu día, tamén facilitamos ambulancias para A Coruña e Betanzos, ademais de embarcacións para Sada e Cedeira”, sinalou o titular provincial facendo balance dos últimos anos. Lembrou, ademais, que nas próximas datas farase entrega dunha nova ambulancia para os traballadores da Coruña.

Por todo iso, Alfonso García López agradeceu o traballo conxunto que se realiza: “A entrega desta ambulancia é unha mostra do compromiso da Deputación da Coruña de estar xunto ás persoas nos peores momentos e cando máis nos necesitan”.

“Grazas a esta ambulancia poderemos continuar coa nosa labor nas emerxencias e socorrer de maneira máis rápida e efectiva ás persoas, ademais de velar pola seguridade das persoas a través dos servizos preventivos en eventos deportivos, culturais ou sociais”, asegurou García López, que cifrou nunha media de 25 ou 30 os actos aos que regularmente asisten os voluntarios de Cruz Vermella no entorno de Ferrol e Narón. “Eses son os que temos fixados, pero por suposto que imos a onde nos reclaman”, puntualizou.

O alcalde de Ferrol, pola súa banda, agradeceu á Deputación esta entrega para unha institución, dixo, “cun traballo moi arraigado na cidade”. Engadiu, finalmente, que está convencido de que este novo vehículo será de moita utilidade para “os servizos impagables que se prestan nesta cidade e nesta comarca”.

Diego Calvo, finalmente, comprometeuse a seguir colaborando con esta entidade, á que definiu coma “un exemplo de organización”. “Porque sodes vós os que estades a pé de rúa, os que coñecedes as demandas e as necesidades da xente”, insistiu o presidente.