Friday 22 de November de 2024

Camariñas conta cunha taxa de seguridade superior á do resto da provincia, comunidade e estado


A Comandancia da Garda Civil e a Subdelegación do Goberno veñen de remitir os datos dos delitos cometidos no 2020 no termo municipal.

“O Concello de Camariñas trátase dun municipio cunhas taxas de seguridade superiores ás que existen no resto da provincia, comunidade autónoma e no total do territorio nacional”. Esta é unha das conclusións que sacan a Comandancia da Garda Civil e a Subdelegación do Goberno no informe anual que veñen de remitir sobre os delitos cometidos no 2020 no termo municipal.
Neste documento destacan que o número de delitos mantense practicamente constante nos últimos anos, sen que se observe un incremento. Así, no 2018 rexistráronse 125 delitos, no 2019 118 e no que levamos de 2020 foron 127. A taxa de delitos por cada 1.000 habitantes é de 24,9, case 5 puntos menos que a media provincial e autonómica e 15 menos á media nacional.
A maior parte dos delitos coñecidos deste ano corresponden a denuncias por transaccións efectuadas en Internet o que significa que, aínda que as vítimas residen en Camariñas, o feito ocorreu noutros municipios ou países.
No informe extraese a conclusión de que “se non houbesen aumentado as denunciadas asociadas ao comercio electrónico, teríase producido unha importante redución”.
Por último, destacan que os delitos relacionados co tráfico de drogas “non só non subiron se non que tiveron un descenso moi importante, representando practicamente o 20% dos que se producían hai dous anos pasando de 29 a 5”.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, que participou nunha videoconferencia coa Subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, e coa Comandancia da Garda Civil, quixo deixar claro que “isto demostra que algúns rumores eran totalmente malintencionados e non responden á realidade que reflicten os datos das autoridades”.