Saturday 16 de November de 2024

O Concello publica o novo PEPRI na web municipal


O Concello da Coruña, a través da área de Urbanismo que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que, dende hoxe, o documento definitivo do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán está dispoñible na páxina web municipal www.coruna.es/urbanismo para que poida ser consultado por todos os cidadáns interesados, dentro da política de transparencia, que se lle deu a todo o proceso. Unha vez recibido o visto e prace daXunta e aprobado o texto no pleno municipal, tan só queda a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para a súa entrada en vigor.
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, destaca que o PEPRI recolle a filosofía que quixo transmitir o actual equipo de goberno, pois o obxectivo é lograr na próxima década un cambio do modelo urbanístico, de acordo co PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), centrado en consolidar a realidade construída e na aposta pola rehabilitación, en vez do modelo de expansión das últimas décadas.
Fernández Prado asegura que a colaboración institucional, froito do clima de diálogo permanente co resto de administracións, así como as achegas de veciños, colectivos e particulares, foron decisivas para contar cun PEPRI, o segundo da cidade, actualizado, flexible, acorde ao PXOM vixente, participado e consensuado, que permitirá conservar o patrimonio da cidade á vez que se reactiva a zona, económica e socialmente.
O PEPRI é, xunto co PXOM, o PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) e Coruña Futura, unha das pedras angulares do proxecto de cidade que propón o actual equipo de goberno, catro chaves (postas en marcha nun só mandato) que abren a porta a unha cidade acorde ao século XXI e ás necesidades dos cidadáns e que apostan pola mellora da calidade de vida urbana, a sostibilidade, a innovación, o coñecemento ou o diálogo coa área como vantaxes competitivas que permitan gañar o futuro.