Friday 22 de November de 2024

A Xunta colabora co concello de Muros na adquisición dun vehículo dedicado á protección do Medio Ambiente


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega do todoterreo pick up con plataforma elevadora e cesta que empregará a brigada municipal no mantemento e conservación de espazos naturais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo entrega hoxe ao concello de Muros, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, dun vehículo destinado á brigada de medio ambiente municipal, financiado ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. A través desta e outras liñas de axudas da Vicepresidencia Primeira, o Goberno galego leva investidos nos últimos anos no municipio máis de 1,4 millóns de euros.
A Administración autonómica colabora así co concello na adquisición dun todoterreo tipo pick up con plataforma elevadora e cesta para a realización de traballos de poda en altura, o que permitirá ademais modernizar a flota de vehículos do municipio con outros de menor consumo de combustible e de emisións de dióxido de carbono. Neste caso, será empregado pola brigada de medio ambiente para os seus traballos de mantemento e conservación de espazos naturais, ademais da vixilancia, prevención e defensa contra os incendios forestais e outras situacións de risco.
Ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta vén colaborando nos últimos anos co municipio en melloras de eficiencia enerxética no alumeado público, actuacións en áreas de lecer, ou a recuperación de espazos naturais degradados. O Goberno galego tamén apoiou ao concello de Muros en varias ocasións a través desta liña de axudas na adquisición de equipamento de protección do medio ambiente, como o vehículo entregado hoxe, e tanto de forma individual como á Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza, da que forma parte.
No marco deste fondo, que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.
Ademais da colaboración en melloras ambientais e na adquisición de equipamento neste ámbito, a Xunta tamén vén apoiando ao concello no financiamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e en actuacións nas infraestruturas municipais.