Friday 22 de November de 2024

O Teresa Herrera vence á pandemia coa disputa da súa 75 edición


A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe o trofeo nunha edición atípica en que o decano dos torneos amigables regresou as súas orixes solidarias

O trofeo Teresa Herrera realizou hoxe a súa 75 edición a pesar da pandemia. Desta maneira, o torneo decano dos amigables venceu á Covid nunha xornada de fútbol atípica en Riazor. A alcaldesa, Inés Rey, acompañada da concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e do edil de Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, presidiu hoxe o 75 Trofeo Teresa Herrera de Fútbol, que nesta edición diferente derivada da pandemia regresou a súas orixes solidarias, axudándolles ás entidades benéficas e homenaxeando o fútbol modesto.

Así, os fondos recadados hoxe destinaranse ao Proxecto Convivindo, da Fundación Amigó, un servizo gratuíto que pretende darlles unha resposta especializada a aquelas familias que se atopan en situacións de conflito e en risco de exclusión social.

A alcaldesa, Inés Rey, entregoulles ás e aos participantes unha Torre de Hércules de Sargadelos ao remate dos encontros, tanto no partido masculino coma no feminino. Ao mediodía disputouse a final masculina, que enfrontou ao Deportivo con un combinado de xogadores de fútbol modesto. Mentres, pola tarde a final feminina disputouse entre o Deportivo Abanca e o Victoria C.F. En ambos os dous partidos o de menos foi o resultado.

Desta maneira, o Concello acada os dous principais obxectivos, como son manter a celebración do torneo de fútbol a pesar da crise sanitaria, ainda que nunha data pouco común, e ao mesmo tempo, respectar a finalidade benéfica coa que naceu o trofeo que leva o nome da benefactora Teresa Herrera.
Deste xeito, o Concello xa anunciou hai uns días que destinará o aforro derivado do gasto do tradicional trofeo a gasto social, tan necesario nestas datas para reforzar o escudo social e loitar contra a crise derivada da pandemia sanitaria.