Entregaron a súa acta as edís María Belén Castro Bello, María Aurea Vázquez Estraviz e Ana Belén CarrodeguasTrasancos
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, quixo agradecer hoxe “o traballo e a dedicación amosada desde o inicio da lexislatura” ás 3 concelleiras do goberno local que decidiron entregar a súa
acta e aproveitou para anunciar “un novo impulso” no goberon local para afrontar a recuperación no ano 2021.
As edís que deixan a corporación municipal son María Belén Castro Bello, María Aurea Vázquez Estraviz e Ana Belén Carrodeguas Trasancos. “Estou moi agradecido por poder traballar ao seu carón e pola boa vontade que sempre amosaron” destacou Penabad que tamén reflexionou sobre as consecuencias que trae un goberno en minoría xa que “é difícil, a política, aínda que sexa local, cambia a vida das persoas porque se sofre moito ao ver que todo o que ti tes na cabeza tarda moito en executarse e as demandas dos veciños tardan en atenderse e ás veces incluso non é posible facelo”.
O rexedor tamén anunciou que está a estudar a recomposición das áreas de goberno e que nos próximos días anunciarase un novo equipo “de xente motivada e ilusionada para darlle un novo impulso a Ortigueira e afrontar con forzas a necesaria recuperación da crise social e económica que ven para o 2021”.
“Son consciente de que a oposición vai a usar esta situación para atacarnos, pero por enriba de calquera interese está o Concello de Ortigueira e pola nosa parte non vamos a perder nin un segundo en atender a críticas que só buscan separar e que non benefician para nada ao día a día dos nosos veciños e veciñas”, explicou Juan Penabad.