Saturday 16 de November de 2024

A primeira edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria homenaxea o traballo das persoas voluntarias durante a pandemia


Na categoría individual foi premiada Sofía Prol Rodríguez, a ONG Mestura recibiu o galardón á mellor entidade de acción voluntaria, e a Fundación Juan Soñador, o de mellor proxecto
A conselleira de Política Social, Fabiola García, entregou hoxe os galardóns aos gañadores da primeira edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, que nacen co obxectivo de homenaxear o traballo das persoas voluntarias durante a pandemia. O acto de entrega, ao que tamén asistiu o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, tivo lugar hoxe na cidade herculina, onde a conselleira destacou que Galicia volveu amosar ante esta situación o seu lado máis solidario.
A conselleira sinalou que Galicia é un lugar máis “agradable e solidario” gracias ao labor que realizan de xeito desinteresado e silencioso as máis de 9.000 voluntarias e voluntarios que participan nos programas postos en marcha pola Xunta. Así, puxo en valor o esforzo que realizaron durante os últimos anos as persoas e entidades premiadas nesta primeira edición, e moi especialmente durante este ano 2020, no que as consecuencias económicas e sociais da pandemia “demostraron con máis claridade a súa vital importancia”.
Os Premios Galicia de Acción Voluntaria, dotados con 4.000 euros cada un, recaeron sobre persoas e entidades cuxo traballo foi destacado durante os últimos anos, e máis especialmente durante este 2020. O premio á voluntaria ou voluntario do ano foi entregado a Sofía Prol Rodríguez, unha moza santiaguesa que realiza unha intensa acción voluntaria en distintos ámbitos; o premio á entidade de acción voluntaria do ano foi para a ONG Mestura polo seu traballo na orientación e acompañamento a persoas en risco de exclusión; e premio ao mellor proxecto de acción voluntaria do ano recibiuno a Fundación Juan Soñador, por transmitir á mocidade o valor do voluntariado desde distintos eidos.
Máis de 1.000 entidades rexistradas
Fabiola García destacou que Galicia segue sendo unha das comunidades máis solidarias de España. Ademais de contar con máis de 9.000 persoas voluntarias nos programas impulsados polo Goberno galego, actualmente existen máis de 1.000 entidades dadas de alta no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
Durante os meses de confinamento, o Executivo autonómico intensificou a formación e as iniciativas para que as persoas interesadas puideran axudar a aqueles colectivos que peor o estaban a pasar. Así, no Plan de formación online chegaron a participar máis de 3.000 persoas e o servizo de acompañamento telefónico mobilizou a 100 voluntarias e voluntarios.