Thursday 21 de November de 2024

Trenor destaca que a nova Senda Peonil e Ciclista na AC-116 permite que os veciños dispoñan dun itinerario continuo de 5.5 quilómetos ao longo desta estrada no municipio de Valdoviño


Habilitáronse 2,8 km de sendas na marxe dereita desta estrada, entre Riobó e Meirás, que supuxo un investimento superior aos 800.000 euros

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, xunto co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, comprobou o resultado final tras rematar o itinerario peonil e ciclista na estrada que comunica Valdoviño e Ferrol, a AC-116, no treito comprendido entre Riobó e Meirás, no que a Xunta investiu máis de 800.000 euros, polo que nestes momentos os veciños dispoñen dun itinerario continuo de 5,5 km ao seu paso por este municipio.
Trenor destacou que con esta actuación habilitáronse 2,8 km de sendas, partindo do límite municipal co concello de Narón e desde a travesía de Meirás ata Lago. Unha actuación que fai máis doados, cómodos e seguros os desprazamentos cotiás, a pé ou en bici, da xente”.
Esta nova senda completa un itinerario peonil continuo ao longo da AC-116, en Valdoviño, xa que tendo en conta as beirarrúas existentes, quedou conectado o paseo da lagoa da Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Este novo itinerario que se rematou en Valdoviño forma parte do Plan de Sendas para a comarca de Ferrol, que prevé a execución de 10,7 km de itinerarios para peóns e ciclistas cun investimento de 3,5 millóns de euros. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Nestes momentos están xa rematadas as sendas Fene, Ares-Mugardos e Cabanas; rematado o itinerario da AC-116 en Valdoviño; e xa está licitado, desde onte mesmo, o proxecto da senda entre Franza e Rilo, en Mugardos. No caso da senda proxectada en Narón, entre o polígono Río do Pozo e a intersección coa estrada AC-114, a Xunta segue agardando a que o Concello presente un proxecto de consenso, acordado cos veciños, para poder materializala.