A alcaldesa presidiu esta tarde en María Pita a entrega de premios da VI edición do certame escolar “Agora imos camiñando ao colexio”, organizado por Stop Accidentes
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada dos concelleiros de Urbanismo e de Educación, Juan Díaz Villoslada e Jesús Celemín, e da delegada de Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, presidiu esta tarde no salón de plenos de María Pita a entrega de premios da VI edición do concurso escolar “Agora imos camiñando ao cole”, organizado por Stop Accidentes e a Fundación Mapfre, que forma parte do programa de camiños escolares seguros ANCAS, en que o concello colabora con Stop Accidentes.
Durante o acto, as nenas e menos explicaron os seus debuxos e cartas e sorteáronse dúas bicicletas. Cos 16 traballos premiados, realizouse un calendario 2021 das ANCAS, que a fundación Stop Accidentes lle entregará ao alumnado que participou no certame.
A alcaldesa felicitou a todas as persoas participantes “polas vosas achegas e propostas”. O concello, dixo, comparte a filosofía de Stop Accidentes co propósito de construír unha cidade para as nenas e os nenos, unha cidade máis segura e sustentable. “Se somos capaces de construírmos unha cidade coa mirada das nenas e nenos, seguro que será a cidade que queremos”, dixo.
Inés Rey explicoulle á rapazada premiada que o concello deseña unha contorna urbana “pensando nas vosas necesidades”. O noso plan, apuntou, debuxa, coma vós, unha cidade con menos coches, con máis sitios para xogar e máis zonas verdes, “porque A Coruña camiña e aposta por unha mobilidade sustentable”. Queremos, explicou, que os arredores dos vosos colexios sexan seguros e accesibles para a rapazada e estamos traballando niso.
De feito, o concello está a realizar melloras nos seguintes colexios: CEIP Emilia Pardo Bazán, CEIP Juan Fernández Latorre, CEIP Sal Lence, CEIP Zalaeta e na praza da avenida da Concordia na contorna do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda.
Pola súa parte, Jeanne Picard agradeceulle ao concello o seu labor e destacou os proxectos que o Goberno local está a levar a cabo en distintos colexios da cidade para lograr que os desprazamentos do alumnado sexan máis seguros. “Unha cidade segura para as nenas e nenos é unha cidade segura para todas e todos”, rematou.
A pesar da situación actual, Stop Accidentes logrou realizar obradoiros durante o curso escolar 2019-2020 en 16 colexios, algúns presenciais (con protocolo COVID) e outros de maneira virtual, co fin de seguir impulsando o camiño escolar seguro ANCAS. O proxecto desenvólvese en colaboración co concello, a comunidade escolar, a veciñanza e comerciantes do barrio. É un proxecto de participación cidadá para mellorar a convivencia e impulsar hábitos máis saudables en beneficio dunha mobilidade segura e sustentable na cidade da Coruña. Na actualidade, participan 17 colexios da Coruña, que contan cada un co seu mapa de percorridos con 5 rutas sinalizadas nas rúas co logo da ra de ANCAS.