Friday 22 de November de 2024

Román Rodríguez destaca á escritora Berta Dávila como “Un talento de presente e futuro nas Letras Galegas”


A Xunta, a Fundación Repsol e a Editorial Galaxia colaboran neste galardón, que suma 14 anos contribuíndo a fortalecer o tecido cultural da Comunidade
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, entregou hoxe o XIV Premio de Narrativa Breve Repsol a Illa Decepción, de Berta Dávila, unha autora á que definiu como “un talento de presente e futuro nas letras galegas” pois, malia a súa xuventude, é xa unha figura consolidada no noso panorama cultural con varios galardóns nos últimos anos.
O representante autonómico destacou a traxectoria da escritora compostelá, avalada tanto por este premio –que acada por segunda ocasión– como por outros de prestixio a nivel galego e estatal. Así mesmo, agradeceu o compromiso da Fundación Repsol coas nosas letras a través deste galardón, “que contribúe tanto a fomentar o labor dos autores como o traballo editorial e leva 14 anos poñendo a disposición dos lectores obras de gran calidade literaria”. “Para a Xunta de Galicia son fundamentais este tipo de colaboracións para fortalecer o tecido cultural”, afirmou o conselleiro.
No acto de entrega, celebrado no Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, participaron tamén a subdirectora de Relacións Institucionais da Fundación Repsol, Arantzatzu Hernanz; o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A cita contou cun recital das cantantes, Xiana Lastra e Andrea Porto, integrantes da Banda da Loba.
O libro como agasallo no Nadal
O acto de entrega coincide co Día da Edición e a conmemoración do nacemento de Ánxel Casal, un sector que –como lembrou o conselleiro– é fundamental e ao que todos debemos apoiar nesta crise económica. Neste sentido, recordou a campaña de fomento da cultura posta en marcha pola Xunta, na que o libro ocupa un lugar relevante. “Este Nadal, a cultura é un bo agasallo”, declarou o conselleiro.
Román Rodríguez avanzou que o sector editorial contará en 2021 co apoio da Xunta, como xa fixo este ano a través do Plan de reactivación do sector cultural, con máis de 2,2M€ en diferentes accións para o impulso da industria do libro e as bibliotecas. Gabou o esforzo dos profesionais e animou a seguir traballando, esperanzados en cifras como as que revela o último informe do Consello da Cultura Galega, que conclúe que os galegos, especialmente o máis novos, aumentaron a lectura a raíz da covid-19. En concreto, case un 24% da cidadanía aumentou o tempo dedicado a esta práctica.
Unha novela de autorepresentación
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) xa acadou este mesmo galardón na VIII edición con O derradeiro libro de Enma Olsen. O recoñecemento está dotado con 12.000 euros e a publicación do libro por parte da Editorial Galaxia. O xurado elixiu esta obra por unanimidade, descrita como “unha novela de autorepresentación, na que a autora navega polos lugares cotián cunha delicadeza estilística posuidora de grande elegancia, ao tempo que expón cuestións de gran calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade”.
Berta Dávila é autora de poemarios como Corpo baleiro e Raíz da fenda (Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española e Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso, traducido para o castelán e o xaponés.
O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de recibir o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013, obtivo o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Premio como Autora do Ano 2013 da AELG. A todos estes galardóns súmase o Premio da Crítica 2019 na modalidade de narrativa en galego outorgado pola AECL por Carrusel (Galaxia), co que xa gañara o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros.
Composición do xurado
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería na Coruña e, desde 2010, convócano conxuntamente a Fundación Repsol e mais a Xunta de Galicia, coas colaboracións da Editorial Galaxia, da RAG e da AELG. O xurado desta edición estivo integrado por Carlos Lema, director de edicións de Galaxia; Antón Lopo, escritor e editor, gañador do certame na súa XII edición, en representación da Fundación Repsol; a escritora e profesora Mercedes Queixas Zas, en representación da RAG; o profesor, investigador e crítico literario Armando Requeixo, en representación da Xunta de Galicia; e a profesora
Anna R. Figueiredo, en representación da AELG.