Friday 22 de November de 2024

Unha feira, música, teatro e concursos entre as actividades do Nadal pobrense


A Pobra do Caramiñal configura de cara ao Nadal unha programación composta por teatro, concursos
ou unha feira, entre outros, dando cumprimento ao protocolo e as medidas fronte ao coronavirus. Así o anunciaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Promoción Económica e da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra); e a súa homóloga da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE).
As propostas xa arrancaron a finais de novembro coa primeira edición do Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas, co cal se pretende incrementa-la ledicia e vistosidade das rúas. Unha convocatoria que conta cun total de 35 fogares inscritos, con representación de todo o termo municipal. O resultado deste concurso darase a coñecer no 22 de decembro e establécese un premio por parroquia, consistente nunha cesta composta de produto local, contribuíndo á dinamización e posta en valor do comercio de proximidade.
Enfocada neste último aspecto tamén botou a anda-la campaña Raña e gaña no 28 de novembro e, polo de agora, repartíronse máis de 50 000 rascas e máis de 400 agasallos. Entre eles destacan produtos e servizos do máis variado nos distintos establecementos participantes e premios das empresas colaboradoras.
A edil Charo Varela cualificou esta campaña como “todo un éxito” e incidiu en que “está xerando moitísima ilusión, tanto nos comerciantes coma nas persoas consumidoras”.
Na xornada de mañá, venres 18, o Elma albergará a actuación de Broken Peach, a partir das 20.00 horas, se ben a apertura de portas terá lugar ás 19.15 horas. As persoas que desexen asistir deberán reserva-la súa entrada de balde a través do teléfono de contacto 678998247. Así mesmo, Papá Noel iniciará a súa visita aos colexios da infantil e da primaria do municipio, e continuará coa súa peregrinaxe no luns 21. Preténdese así achegar esta figura, de grande importancia para as crianzas, mediante unha recepción individualizada, e incluso terán a oportunidade de sacar unha foto para a lembranza. No día 18, Papá Noel estará nos colexios do Campo, Pilar Maestú Sierra, A Granxa e Monte Carmelo, mentres que no 21 será a quenda do Salustiano Rey Eiras, Fernández Varela e Vilariño.
Entre os días 23 e 27 de decembro transcorrerá unha feira con temática propia destas datas na praza Alcalde Segundo Durán (praza Maior). Estará integrada por arredor de 20 postos e contará con animacións de diversa índole.
Estableceranse circuítos de entrada e saída, así como zonas de desinfección.

Os concertos organizados pola Banda Ateneo Musical da Pobra, en colaboración co Concello, reforzan o eido musical acompañado da solidariedade. Serán no 27 de decembro, no Elma. As prazas son limitadas e as reservas efectuaranse a través do teléfono de contacto 678895933. A primeira función será ás 18.00 horas e a segunda terá lugar ás 20.30 horas. A vertente solidaria vén marcada pola recollida de alimentos, pois cada persoa que asista deberá entregar un quilogramo de alimentos.
En colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, na vindeira semana comezarán no Elma as pezas teatrais dirixidas ao público infantil e familiar, as cales se adscriben ao Nadal Cultural. Baobab Teatro representa Puño Puñete no martes 22 e no día seguinte, mércores 23, Fantoches Baj presenta Os golfiños e o xigante. Xa no luns 28 terá lugar A feira das linguas con Lydia Botana e Os limpa, limpa chegarán da man de Expresións Produccións no martes 29. O inicio de todas estas obras de teatro estipúlase nas 18.30 horas. As citas teñen continuidade en xaneiro de 2021 con tres monólogos. As entradas son de balde e as reservas formalízanse na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545. A concelleira Patricia Lojo sinalou que “polo de agora, tódolos eventos culturais saíron ben”e que a xente respecta as normas.
Ademais, este ano non haberá cabalgata de Reis para o día 5 de xaneiro. Como alternativa, formúlase unha recepción individualizada de Melchor, Gaspar e Baltasar en tres distintos espazos. Acudirase con cita previa. Esta última actividade explicarase máis polo miúdo en datas próximas.
Na súa intervención, o rexedor, Xosé Lois Piñeiro, manifestou que se trata dun Nadal “2completamente diferente ao de outros anos”, tanto no que respecta ao número de actividades coma á tipoloxía, pois “a situación así nos obriga a actuar”. Fixo fincapé en que toda a programación transcorrerá seguindo as
medidas implantadas por mor da COVID-19 e, con relación á recepción das súas maxestades do Oriente, indicou que se trata dun acto “moi pensado”para o cal solicitou a colaboración máxima das e dos proxenitores que acompañen os nenos e nenas para o cumprimento da normativa. Todo un calendario de eventos suxeitos á evolución da situación sanitaria.
Cómpre lembrar que se achega a opción de conciliar cuns obradoiros que transcorrerán no CEP Salustiano Rey Eiras dende 23 de decembro ata 7 de xaneiro e que están dirixidos a crianzas nadas entre 2009 e 2017, con grupos reducidos de cinco cativas/cativos por monitor/a. Como novidade incorpórase o horario de tarde para dar maiores facilidades ás familias usuarias. En consecuencia, as actividades desenvolveranse de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Ademais, inclúe o Servizo de Madruga e a prestación de comedor.
As inscricións formalizaranse nas oficinas de Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545. A data límite para se anotar é no 21 de decembro.