O Concello de Santiago de Compostela, a través dunha moción conxunta aprobada por unanimidade dos catro grupos con representación no pleno, acordou, na súa sesión ordinaria de decembro, convocar o Consello Asesor de Condecoracións para atender a petición de denominar “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros, ademais de realizar nese emprazamento unha intervención cultural e artística que remarque a figura desta muller e a súa importancia na cultura galega.
“Para incrementar a visibilización das mulleres nas rúas e prazas da cidade, a Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria trasladou a proposta de incluír o nome de Exeria, unha peregrina que habitou en Gallaecia do século IV, na praza que se abrirá na avenida de Lugo á entrada dos Concheiros, no Camiño de Santiago”, indica a moción, que se transcribe de seguido:
“Exeria é unha muller relacionada co feito diferencial cultural galego. A Xeración Nós sitúa os inicios do feito diferencial galego nos séculos IV-VI. O mesmo Daniel Castelao, no seu Discurso Alba de Gloria, pronunciado no Teatro Arxentino de Bos Aires o 25 de xullo de 1948, evoca os símbolos da nosa historia, tanto xeográficos como humanos soñando cunha Santa Compaña encabezada por Prisciliano e Exeria, persoas que a Xeración Nós considera os primeiros fitos diferenciais da cultura galega.
Exeria foi a primeira peregrina da que temos constancia na Hispania. Percorreu Terra Santa entre os anos 382 e 385 para coñecer de primeira man os lugares de referencia da fe cristiá. Dado que Santiago de Compostela é un dos tres centros de peregrinación cristiá (xunto con Xerusalén e Roma) é de lei ter un recuncho da cidade dedicado a esta nosa insigne peregrina.
Exeria non só camiñou, senón que escribiu un Itinerario no que recolleu todas as investigacións e impresións que a ían sorprendendo na viaxe. O Itinerario, escrito en latín coloquial e dedicado ás súas amigas, dános idea dunha muller que comparte vida con outras ás que quere facer partícipes das súas descubertas.
Ao ser unha praza que utilizarán persoas peregrinas e veciñanza da nosa cidade, poñerlle o nome de Exeria fará que moita xente, galega e de fóra, se achegue a esta muller da Gallaecia, coñeza a súa obra e valore a importancia que a cultura tiña xa na nosa terra no século IV.
Ademais de darlle nome á praza, incrementarase o contido mediante unha intervención cultural e artística de carácter expositivo permanente nesta praza para remarcar a figura de Exeria e a súa importancia na cultura galega. En coordinación co Departamento de Cultura do Concello, organizarase algún tipo de acto cultural na cidade que visibilice máis aló do seu nome esta peregrina e escritora.
Elixir o nome de Exeria é importante porque hai moi poucas referencias a esta muller en Galicia. Tan só un edificio das instalacións da Universidade de Vigo leva o seu nome. Se Compostela é a capital de Galicia e un centro de peregrinación mundial, é de lei remarcar o nome desta peregrina galega nalgún espazo de relevancia para o conxunto da cidade.
Deste xeito, o Concello de Santiago de Compostela acorda convocar o Consello Asesor de Condecoracións para atender a petición de denominar “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros, ademais de realizar nese emprazamento unha intervención cultural e artística que remarque a figura desta muller e a súa importancia na cultura galega”.
Debate do estado do municipio
O Pleno acordou tamén, por consenso dos distintos grupos, convocar o debate sobre o estado do concello no mes de xaneiro.